Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
ANDORIÑA EMIGRANTE
certame

ANDORIÑA EMIGRANTE

(2º premio. Categoría A. De 17 e 30 anos. Ano 2009)

Chegara o día. Aquel día que durante meses fora apartando da súa atormentada mente, afastándoo, intentando alonxalo, desexando que xamais chegara, como desexa un preso condenado á pena de morte, arredar de si o día que vai pór fin á súa atormentada vida, cargada de maldades e accións ruíns.

Así o desexaba aquel pobre emigrante que agora se atopaba inmóbil, calado e pensativo na estación do tren, agardando a chegada do citado medio de locomoción que o levaría lonxe da terra que o vira nacer.

Levaba como únicas pertenzas unha bolsa cargada de penas, lembranzas e tristezas e na outra man unha maleta con moreas de soños, esperanzas e ilusións que esperaban cumprirse. As roupas vellas e esfarrapadas eran os únicos recordos que posuía dunha terra ferida e magoada pola miseria e a pobreza.

Ó lonxe oíase o eco acompasado do ruído do tren que cada vez se achegaba máis. Na estación había un barullo tremendo. Os que chegaban estreitaban á familia en cariñosos abrazos, como querendo dar nun só momento todo aquelo do que careceran durante sabe Deus canto tempo. Non faltaban tampouco as bágoas de emoción dos doces momentos vividos ó reencontrarse dous namorados.

A estación era pois, unha aglutinación de fermosos sentimentos. Por fin chegou o tren. Entre o barullo foi subindo pouco a pouco. Cada paso era unha martirizante condena que oprimía de tal xeito o seu atafegado corazón, que este comezou a latexar a gran velocidade.

Non se atrevía a dar nin un paso máis, como se baixo a pel curtida dos pés, rechamantes labaradas de lume o estivesen ferindo, abríndolle a pel, deixando ó descuberto os seus desnutridos ósos. Ante el cerrábase agora unha parede imaxinaria de ferro que non lle permitía dar aquel último paso. Pese a todo, armándose de valor e coraxe, adoitando toda a valentía e gallardía da que era dono, entrou no tren. Ocupou un asento xunta a unha pequena fiestra. Foi contemplando un a un tódolos pasaxeiros.

Subiu o rico señorito, orgulloso, amosando ós catro ventos a súa vaidade. O rico señorito ó que todo lle fora dado dende pequeno, que só tivera que chasca-los dedos e xa todo se lle cumpría. O rico señorito, que coa cabeza ben erguida, lucía con solemnidade e distinción o seu traxe de seda e as súas alfaias dunha exquisita beleza. O rico señorito, que separaba o seu corpo limpo do corpo suorento do obreiro que viña de traballar, temendo que lle lixara as roupas, as cales non eran outra cousa senón o reflexo das inxustizas do mundo.

Subía o traballador cos trapos rachados, espello das dificultades económicas e do encarecido esforzo que realizaba para mante-la familia. A carón seu sentouse un vello mariñeiro coas mans todas magoadas, probablemente polos esforzos realizados en alta mar en tempos pasados. Levaba ás costas un saco cargado de experiencia, que só se consegue coa madurez dos anos e coa consecutividade de fracasos e desilusións que fan que un se acostume a vivir nun mundo onde o diñeiro move montañas e a honradez só grans de area.

Por fin se puxo en marcha o tren co seu monótono e repetido traqueteo. Íase alonxando a unha velocidade vertixinosa, polos ocultos labirintos do tempo, da distancia e do destino. Labirintos insondables como os camiños da vida. E alí estaba el: un pobre emigrante que fuxía acovardado, temeroso ante o que a vida lle podía ofrecer.

Mirou pola fiestra. Os raios dun cálido sol de primavera alegraban o día, enchendo coa súa radiante e espléndida luz, os recunchos máis insólitos da terra. Todo parecía sorrir ante a fermosura e a beleza da paisaxe. Incluso por un leve momento, tódolos seus problemas e angustiosas preocupacións parecía que foran a difuminarse no esplendor e grandiosidade daqueles momentos. Atrás ían quedando pobos e máis pobos. Pobos onde quizais nun pequeno recuncho dalgún solitario lugar, houbera unha persoa que, como o pobre emigrante non puidera participar ou gozar plenamente da beleza e dos primores que a nai Natureza ofrecía. Persoas que quizais se sentisen tremendamente azoutadas polos constantes lategazos que sen compaixón algunha, ofrecen as duras preocupacións e os martirizantes problemas. Ó pensar isto non o puido evitar: dúas transparentes e cristalinas bágoas esvaráronlle polas pálidas meixelas reflectindo toda a pena e anguria que envolvía o seu ser. Nun movemento involuntario levou as mans ás fazulas, secando suavemente as bagullas, para non dar así a revelar, que baixo a máscara dunha aparente masculinidade, ocultábase un home que no fondo non era máis que un neno de corpo engrandecido, pero con sentimentos e ideas propios da infancia.

É agora cando se da conta de que todo o mal que experimenta é debido á nostalxia. Si, iso é. O que ten é morriña. Porque cada segundo que pasa vaise alonxando máis e máis do fogar que o viu nacer. Atrás van quedando os recordos daqueles momentos felices nos que a calor do fogar e da familia calmaban tódolos males. Ó contempla-las pequenas casas sorrintes de orella a orella, alleas a tódolos males e a todo o que ocorre ó seu redor, maxestosas, erguidas tan dereitiñas e ben feitas, rodeadas de verdes hortiñas onde agarimadas polo doce vaivén do vento, medran timidamente as plantas, acórdase do que algún día non moi lonxano foi o seu lar: una casa pequerrecha de paredes de pedra que cos anos, o tempo foi maltratando, sacándolle toda a súa beleza. Pero a pesar de non ter moitos encantos ornamentais, no fondo era acolledora como os brazos dunha nai, tenra como o agarimo dun abrazo, doce como unha aperta de amizade.

Aquel fogar vírao nacer. Envolvérao suavemente con mantas de cariño e comprensión, fórao criando coas caricias da calor dunha lareira. Fóralle ensinando as primeiras palabras. Nel vivira fermosos momentos imposibles de esquecer. O baleiro das habitacións enchérase co lume da unión dunha modesta familia de labregos onde o esforzo de cada membro, aportaba un pequeno gran de area. Naquel fogar inundado de paz e tranquilidade, sosego e repouso, recibiran sempre o agarimo duns pais castigados pola miseria, pero premiados pola bondade. Uns pais que sempre os ensinaran a respectar ós demais e a comportarse como persoas cívicas e educadas.

Xurdían así na súa mente os recordos dunha infancia dourada e feliz. ¡Quen lle dera de novo volver a ser neno! Danzar libremente no aire, sen cadeas de amargura que oprimisen o inocente corazón. Crear mundos de cores e luces, soñar con universos lonxanos e fermosos. Coa fantasía, conseguir te-la sensación de ser unha pluma suave que voa sen rumbo, á deriva, agarimada polo vento. ¡ Que tempos aqueles!

De novo dirixiu a vista cara a fiestra. Nun verde prado as vacas pastaban, dando enérxicos saltos e brincadeiras pola alfombra da herba. Lembra entón os metálicos cacarexos dos galos que cada mañá puntuais o espertaban. Acórdase da súa hortiña onde ledas voaban as bolboretas pintadas de lindas cores pola man sabia da natureza. Lembra os rechouchíos dos paxariños alegrando o silencio da mañá coa súa melódica orquestra e a aldea diminuta na que transcorrera parte da súa vida, (aldea castigada pola brusca embestida das escumosas ondas do mar, que rachaban contra as pedras da costa, tentando inutilmente rompelas).

Mentres estaba absorto nestes pensamentos, o día apagárase lentamente, como a luz dunha lámpada, para dar lugar á noite. No ceo ían aparecendo as pequenas e brillantes estreliñas, radiantes de felicidade. Semellaban as pérolas dun colar dispersas pola grandiosa cúpula celeste. Lucía cada unha un fermoso traxe prateado e unha coroa de ouro que agrandaba a súa fermosura. No silencio da noite, os grilos interpretaban unha cadenciosa sinfonía. Mentres, o tren íase alonxando, levando ó emigrante, ós seus recordos, soños e esperanzas. Pero...¿a onde os levaría?


Rocío Leire Castro. Ano 2009.



Escrito por Justo, el Martes, 07 de Diciembre 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal