Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
ADRIÁN DUMAS
certame

ADRIÁN DUMAS

(2º premio. Categoría B. De 12 e 16 anos. Ano 2009)

Era a súa primeira noite no correccional. Adrián estaba deitado; lembrando, lembrando o que o levara ata alí. Remexeu nos seus recordos e sinalou o 22 de abril como o día que comezou todo: foi o primeiro día de Hugo Ruíz no instituto.

Aquela mañá, Adrián saía da casa e viu o seu reflexo no espello. A persoa que viu non era Adrián, era Dumas: pantalóns de tea vaqueira, botas militares e chupa de coiro cubrían o seu escultural corpo; unhas lentes negras marcaban as súas rudas faccións ao mesmo tempo que ocultaban os fríos ollos azuis; o cabelo rapado permitía ver a tatuaxe dun dragón na caluga.

Dumas, así o coñecían no instituto, era o líder que os seus amigos precisaban. Ninguén lles daba problemas, os alumnos respectábanos e os profesores ignorábanos. De vez en cando, el e os seus compañeiros tiñan que dar unha “lección” a alguén que os mirara mal ou se atrevera a protestar, non era nada persoal, pero se querían respecto tiñan que facelo.

Adrián saíu da casa e baixou ata a plataforma do metro. Alí esperábao Silvia, a súa moza. Era incriblemente guapa: faccións finas, pelo castaño, ollos case negros, corpo impresionante... O que tamén era incrible era o baleiro que tiña o cerebro; a Adrián non lle importaba que non estudara porque el tampouco o facía, pero non collía os chistes, había que explicarlle as cousas tres ou catro veces... Silvia era só físico, era a moza que viña engadida no seu papel de líder.

Saudouna cun bico e subiron no vagón. Os dous puxeron os auriculares dos seus respectivos MP4, non falaron porque non había nada que dicir. Baixaron catro estacións máis adiante.

Ao chegar ao instituto, reuníronse cos seus afines. Xa estaban todos, Dumas saudounos cun simple movemento de cabeza, arriba e a baixo, sen que saíra da súa boca unha palabra. Estaban todos serios como de costume; pasaban o día con aquela cara de “can”, así semellaban máis duros...

Ao soar o timbre dirixíronse cara a aula; o corredor era seu, a súa “formación” ocupaba todo o centro deixando só espacio nas beiras. Ollando como entraban deixábanche claras dúas cousas: a primeira era que ninguén quería ter que cruzarse ou achegarse a máis de metro e medio deles, a segunda, a xerarquía dentro da banda. Así, Dumas encabezaba o grupo, o indiscutible líder. Ao seu carón ía Silvia, agarrada da súa man e co rostro máis orgulloso e altivo posible. Só medio paso por detrás, Xacobe, a man dereita de Adrián. Finalmente, unha segunda fila con tres rapaces, os “súbditos”, e a moza dun deles. Esta non seguía o patrón de Silvia, senón máis ben o dos homes do grupo; vestía pouco feminina, igual có seu andar, a cabeza case rapada, un “pearcing” puntiagudo na cella e outro no nariz con forma de aro; tiña un aire rudo. Os tres rapaces e Xacobe eran copias imperfectas de Dumas, imitábanlle a vestimenta, os andares e a forma de ollar a xente con desdén, pero faltáballes algo... Adrián era inexorable, autoritario, fachendoso, atractivo... Era un conxunto que os seus amigos non tiñan por natureza.

Entraron na aula, sen Silvia, xa que ela ía un curso por detrás. Sentáronse e Adrián ollou para Clara, era o primeiro que facía cada mañá; gustáballe aquela moza, non sabía moi ben porqué. Ela estaba colocando uns folios na carpeta con moita dedicación, sempre que a observaba atopábaa dedicada a algunha tarefa. Hoxe viuna moi fresca, moi esperta, nada cansa. El fixárase que algúns días parecía máis fatigada, sobre todo ao pasar do xoves; era coma se na fin de semana recargase a batería e pola semana, pouco a pouco, se fose quedando sen folgos; o venres sempre semellaba esgotada. Clara non tiña constancia das inspeccións que lle facía Dumas cada día; de sabelo non lle ía parecer moi ben, odiaba a ese rapaz, parecíalle un “chulo, prepotente, abusivo”, sempre se refería a el con eses adxectivos. De feito, ela, que era unha rapaza normalmente amable e sociable, non podía evitar miralo de mala maneira. Debía ser das poucas que non sentía atracción por aquel “chico malo”.

Arturo, o profesor de lingua galega, interrompeu a liña visual que tiña con Clara, instalouse ao lado da moza e dirixiuse a clase: “Imos comezar co tema sete, pero imos agardar un intre por un compañeiro novo que se incorpora hoxe, está na secretaría cubrindo uns papeis e xa vén, ademais ten que traerlle un pupitre. Mentres podedes ir lendo o texto da páxina 92”.

O rapaz novo chegou en dez minutos e o profesor presentouno, chamábase Hugo Ruíz. Situáronlle o pupitre a carón do de Clara; Arturo deulle instruccións a rapaza para que o axudase os primeiros días, que lle indicara en que temas estaban e que traballos tiñan pendentes en cada materia, que lle presentara ao resto de compañeiros, que o guiase ata as outras aulas, o ximnasio... En fin, que o auxiliase ata que non se sentira tan perdido. Clara asentiu e dirixiuse a Hugo, presentándose e dedicándolle un gran sorriso e unha expresión afable. “Encantado”, contestou o rapaz mirándoa aos ollos; Clara ruborizouse e apartou a vista fixándoa no libro; o seu novo compañeiro tiña unha voz e uns ollos verdes cativadores.

Dumas observaba con atención e non lle gustou nada o que viu. Instintivamente apertou os dentes, marcando a mandíbula de forma esaxerada, cravou unha mirada severa na caluga daquel rapaz e cerrou a man dereita ata convertela nun puño tenso e ameazador. Durante aquela clase e a seguinte non lles quitou ollo, a súa faciana reflectía cada vez máis anoxo. Adrián non comprendía que tiña aquel mozo para captar así a atención de Clara, ela nunca se interesara por ningún rapaz, el sabíao ben, advertírao nos dous anos que a levaba observando silenciosamente. Vía como ela lle sorría cando el a miraba, como os ollos lle brillaban coma nunca, como o miraba con admiración, case devoción, cada vez que Hugo lle falaba. Adrián enfadábase máis cada minuto; por un momento intentou crer que Clara só estaba a ser atenta co rapaz, sen ningún outro interese; pero consumíao o feito de vela tan ilusionada con el, non lle gustaba. Ademais o novo parecía “demasiado amable” con ela, era esaxerado, non podía ser así de agradable normalmente, estáballe pondo a súa mellor cara para impresionala, eso pensaba Dumas.

Soou a campá que indicaba o recreo e Adrián levantouse sen esperar a que o profesor dese por finalizada a clase, dirixíndose rapidamente cara a porta. Antes de saír aproveitou o seu paso a carón da mesa de Hugo para golpeala, tirándolle os libros ao chan. Non se molestou nin en miralo, abriu a porta e marchou, entón o novo berroulle: “Eh! Coidado!”. O prexudicado apurou a recoller os libros e cando estaba axeonllado viu como caían ao chan os seus bolígrafos, levantou a vista e atopouse cun rapaz que o mirou de forma despectiva e díxolle: “Ti es quen debería ter coidado”. Aquel rapaz era Xacobe, facendo o seu traballo, intimidando ao obxectivo do “xefe”.

Dumas pasou o recreo calado, sentado nunha esquina e coa mirada perdida, pero sen permitir que a súa mandíbula se relaxase, continuaba colérico; ninguén se atreveu a falarlle, o silencio dominaba no grupo, todos sabían que cando Dumas estaba enfadado non lle gustaba a leria.

Cando Adrián entrou na clase despois do recreo, Hugo dirixiulle unha mirada especuladora e xirouse para falar con Clara. Dumas viu como ela o observaba mentres falaba co seu compañeiro: “... matóns de pacotilla... pasa deles...” , foi o único que escoitou, pero deuse por aludido. Arrastrou a cadeira facendo moitísimo ruído e cando conseguiu captar a ollada dos dous mirounos desafiante; eles xiráronse de novo e entrou a profesora na clase.

Nese día non ocorreu ningún outro contratempo, nin nos nove seguintes. Dumas limitouse a observalos e a enfurecerse. Non lle gustaba nada como ían avanzando as cousas entre Hugo e Clara, xa se falaban con moita confianza e compartían todas as horas do día, ademais ela sempre semellaba feliz ao estar con el. Incorporárao ao seu entorno, ao seu grupo de amizades e incluso os vira xuntos o domingo pola tarde na pizzaría de moda, falando moi animadamente. Adrián comezou a sentir rabia contra aquel rapaz, ou iso pensaba el; pero non era rabia, eran celos, pouco tardaría en darse conta.

Ese xoves, cando estaban na clase de educación física xogando ao baloncesto, Dumas aproveitou para empurrar fortemente ao seu inimigo e tiralo ao chan. Hugo levantouse á présa, dirixiuse cara el e soltoulle: “A ti que che pasa, imbécil?”. Adrián deu un paso e suxeitouno pola camiseta, arrimóuselle a dous centímetros da cara e con voz hostil díxolle: “Xa falaremos, merdán”. Soltouno antes de que a profesora chegara xunto a eles. Faltaban soamente cinco minutos para que a clase rematara e Dumas contívose, coa intención de enfrontarse a el á saída do instituto.

A panda non foi ás dúas últimas horas do día. Cando soou o timbre e Hugo saíu do recinto do instituto achegáronse a el, rodeándoo. Ao seu carón ía Clara, que sentiu temor e agarroulle a man, apertándolla con forza; iso enfureceu aínda máis a Adrián. Seguiron camiñando como se nada pasase mentres os outros os rodeaban; Silvia empurrou a Clara e o seu mozo ollouna mal, reprobándollo; a cousa era en contra do rapaz, non dela. Dumas mirou a Hugo aos ollos e despois a Clara, na mirada dela o medo era o que predominaba aínda que tamén notaba certo rancor. El non quería asustala así que fíxolle un aceno aos outros para que os deixasen tranquilos, de momento, xa que tiña pensado desafialo cando estivese só.

Hugo e Clara marcharon camiñando sen apurar o paso como se non sucedese nada. Por a súa parte, o grupo quedounos observando sen moverse de onde estaban. Xacobe recriminoulle a Dumas a súa decisión e este descargou a súa rabia contida contra el, colleuno polo pescozo e golpeouno contra a parede; despois marchou apresuradamente en dirección oposta ao seu camiño habitual. Silvia apurou o paso, case correu detrás del para darlle alcance; cando chegou a súa altura agarrouno polo brazo para que parase. El retiroullo de mala maneira e continuou coa súa marcha, pero a fuxida rápida que fixo non foi suficiente para ocultarlle a Silvia que estaba a punto de chorar, nos seus ollos brillaba a humidade dunhas bágoas a piques de derramarse polas meixelas. Silvia non soubo que facer; quedou alí parada, sen crer moi ben o que acababa de ver: Adrián chorando.

Dumas camiñou sen rumbo ata que decidiu ir para a casa; cando chegou, seus pais estaban discutindo, cousa habitual. Non tiña ganas de aturar aquilo; colleu a súa moto e dirixiuse ata os arrabaldes da cidade, despois continuou uns sete quilómetros por unha estrada moi estreita que levaba ao carón dun río. Alí detívose, baixou da moto, quitou o casco e berrou. Aquel berro era de ira, vergonza, frustración, celos, dor e odio, moito odio contra Hugo, o intruso que conseguira o afecto de Clara, un afecto que Adrián anhelaba para el tan desesperadamente. Pasábanlle moitas cousas pola cabeza e tamén numerosas preguntas: Que fixera coa súa vida? Se lle gustaba Clara, por que non se limitara a coñecela en vez de vixiala de lonxe? Agora ela odiábao, mirábao con rabia, nunca o admiraría como o facía con aquel “gilipollas”.

Dumas foi alimentando o seu desprezo cara Hugo, ata que xa non lle quedaron dúbidas, soamente desexaba esnaquizalo. Aquilo ía facer que Clara o aborrecese aínda máis, pero non lle importaba, obcecouse coa súa vinganza.

Ao seguinte día, cando se atopou con Silvia na plataforma do metro, esta non fixo ningún comentario do que ocorrera o día anterior, nin tampouco de que o vira case chorando. Observábao moi atentamente, como examinándoo; Adrián sentiuse incómodo con aquel ollar. Silvia fixo o ademán de achegarse para bicalo nos beizos pero el retiroulle a cara; a moza mirouno cunha ollada interrogante e Adrián soamente lle dixo unha palabra: “Acabouse”. Non fixeron falla máis explicacións. El subiu ao primeiro metro que pasou e Silvia ficou na plataforma, estática.

Cando chegou ao instituto dirixiuse a onde normalmente se reunían, xa estaban todos. Aproximouse e, sen máis, dixo: “Quero mallar a Hugo Ruíz. Alguén sabe onde vive?”. Puido ver miradas cómplices entre os membros do grupo e finalmente, un deles contestou: “Por que non o mallas no patio, no baño ou no ximnasio, coma sempre? Por que queres o seu enderezo?”. “Ti non estas aquí para facer preguntas. Sabes onde vive ou non?”, espetoulle Dumas. A rapaza do grupo foi a única que atopou valor para facer a pregunta que todos desexaban formular: “Por que tanta carraxe contra el?”. O silencio impúxose, finalmente Adrián mentiu: “Ten moitos fumes, acaba de chegar e ten que saber quen manda aquí”. A resposta non convenceu a ningún dos seus secuaces pero ninguén se atreveu a preguntar máis; á fin, Xacobe dixo: “Non sabemos onde vive, pero hoxe despois de clase seguireino e chámote”. El asentiu e a conversa rematou; sen mencionar a ausencia de Silvia.

Aquel día as miradas entre Hugo e Dumas eran coitelos. Clara dirixiulle unha ollada disimulada, moi cautelosa para non ser sorprendida por el, pero fallou no seu intento e Adrián mirouna desafiante aos ollos como preguntándolle: “Que miras?” Estaba fóra de si. Ela xirou a cabeza cara adiante moi colorada e, poderíase dicir, cun pouco de temor. Xa na hora do recreo, Dumas pasou a carón de Hugo a mantenta, cando estaba a súa beira levantou o ton da voz e dirixíndose a Xacobe dixo: “Vouno mallar ata que me farte”, e mirou para Hugo para que se dese por aludido e para buscar liorta. Todo aquel intento de provocación era inútil, Hugo non ía empezar a pelexa; así que Dumas tería que agardar para poder liberar a súa frustración.

A media tarde, Adrián estaba na súa habitación, deitado enriba da cama, escoitando música e xogando coa PSP; resultaba difícil distinguir se era máis violento o videoxogo ou a música. Sooulle o móbil e apurouse a responder a chamada, era Xacobe. Este contoulle que seguira a Hugo Ruíz e que xa sabía onde vivía, que agora saíra e estaba no pavillón xogando ao fútbol. Aconselloulle que se reuniran para poder abordalo cando volvese para a casa, pero Dumas contestoulle: “Non, ese estúpido é cousa miña, vou ir eu só. Dáme o enderezo”.

Cando Xacobe lle indicou onde vivía, Adrián saíu da casa ás présas, colleu a moto e foi inspeccionar o barrio. Era unha zona residencial, moi tranquila, nos arrabaldes, e por sorte para el, con parques solitarios e recunchos que pola tardiña estarían ás escuras. Buscou un lugar que lle pareceu axeitado a poucos metros da casa de Hugo e agardou. Todo lle saíu a pedir de boca, Hugo volveu tarde, xa anoitecera facía un anaco. A maioría da xente xa viñera do traballo e estaba comezando a cear, soamente pasaba algún coche de vez en cando e camiñaban algunhas persoas polo parque próximo paseando o can, ademais, a iluminación do barrio era bastante escasa.

Dumas apresurouse, quería sorprendelo cando pasase a altura dunha canella que había ao lado da casa veciña a súa. Foille polas costas, pasou o seu brazo esquerdo por diante del a altura do pescozo e apertouno fortemente; o rapaz non tivo tempo de reaccionar, así que Adrián tirou del para a escuridade da canella e empurrouno contra un muro de pedra. Unha vez alí deixou que se repuxera un pouco do golpe e invitouno a pelexar dicíndolle: “Veña, pelexa!”, mentres lle facía un aceno ca man para que se aproximara. Ao primeiro, Hugo levantou os brazos indicando que non ía loitar pero Dumas provocouno cuspíndolle na cara. Entón, o rapaz abalanzouse sobre el coa intención de empurralo para tiralo ao chan e así ter vantaxe, pero o seu embate fracasou e Dumas golpeouno antes de que tan sequera o rozase. Adrián pegoulle varias veces, con moita rabia e moi forte, estaba acostumado ás pelexas e non lle resultou nada difícil mallar ao seu contrincante. Hugo só conseguiu atizarlle uns poucos golpes en sitios sen importancia, mentres que Dumas sabía onde bater, onde facer o maior dano posible. Nun intre, Hugo estaba no chan, moi malferido e sen poder defenderse dos últimos ataques do seu agresor, que sentou enriba del e continuou plasmándolle os puños na faciana.

Aquela malleira que lle dera a Hugo Ruíz por celos fora o que o levara ao correccional. Alguén vira a pelexa e chamara a policía que chegou ao lugar xusto cando Dumas se dispoñía a deixar alí tirado no chan a Hugo para fuxir na súa moto. Detivérono, e pouco tempo despois o xuíz de menores foi severo na súa sentenza debido as graves lesións que lle causara a Hugo e a que non era a primeira vez que o arrestaban por meterse en leas. Aínda así, tivera sorte, xa que os médicos aseguraron que se chegan a tardar un pouco máis en auxiliar ao rapaz, este podería entrar en coma; e se sucedese iso as consecuencias para Dumas serían máis graves.

Agora, nesta primeira noite que Adrián pasaba naquel sitio dábase conta de que o día da pelexa puidera ter matado a Hugo, sentíase desolado e arrepentido. Por moito que intentaba lembrar, non recordaba o momento no que se convertera nunha persoa así, o momento no que deixara de controlar a súa ira, o momento no que a ira o comezou a dominar. 


Alba Quintáns González. Ano 2009.


Escrito por Justo, el Domingo, 28 de Noviembre 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal