Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
A ÁRBORE DA VIDA
certame

A ÁRBORE DA VIDA

(2º premio. Categoría B. De 16 e 19 anos. Ano 1998)

Capítulo I

Daquela eu vivía nun modesto pisiño no centro da vila. A ventá da miña habitación estaba orientada cara aquelo que botamos tanto de menos os da costa cando estamos no interior, o mar. Un mar que non sempre era o mesmo. Cada día ó saír o sol, asomábame á ventá e dependendo do estado do mar, así ía estar eu de ánimo. Por exemplo, os días que as bailadoras olas xogaban na claridade do mencer, producindo unha escuma branca que semellaba unha tona que cubría o mar, ese día eu ía andar ás toas, ese día de seguro levaría a reprimenda do profesor pola inagotable actividade da miña lingua. Pola contra, se o mar semellaba calmo e sobre el podíase ver con nitidez o reflexo do sol saínte, ese día ía estar moi quietiña e serea, non faría nada sen pensalo dúas veces, e aínda así …

Preto da miña casa un camiño de terra afondábase nun mesto bosque de árbores caducifolias que semellaban verdear todo o ano. Seguindo o seu rastro e sen desviarte podías chegar a un pequeno tenderete que meu tío fixera nos ratos libres, cando traía uns días de descanso tras varias semanas embarcado. Meu tío si que era un caso. Non podía parar de traballar nin estando enfermo; semellaba non vivir feliz se non explotaba as súas sufridas mans en algo novo de proveito. Meu pai tamén o axudara un pouco nos ratos libres, pero mais ben pouco, pois o tempo que meu pai ten desocupado, ese é o intre de que co colla os aparellos e vaia de pesca cos amigos.

¡Cantas veces tería eu baixado por ese camiño! Nel había un pequeno desvío que conducía a un inmenso campo verde, o do Maximiliano, no que meu irmán máis eu, colleramos xoaniñas e mesmo saltóns para darlle de comer a un pequeno moucho cunha patiña rota que atopara meu pai un día que fora coller miñocas para ir de pesca. Nese prado do Maximiliano de Coxas, foi onde comezou todo.

Capítulo II

Aínda non rematara cos exames de fin de curso. Era mércores e tiña para o xoves o máis perigoso e inmensamente complicado, o de Historia. Aínda que era o “refinitivo”, o meu sufrido corpo apenas se mantiña en pé e tiña tal verza que non me collían máis nomes nin de presidentes da Primeira República Española, nin datas de Constitucións, nin líderes de partidos políticos, nin … Todo posible espazo estaba ocupado polas teorías de Darwin ou de Jeann-Jacques Rosseau co seu “Contrato Social” e tamén polas derivadas, integrais, etc. ¡Non!, non tiña espazo no que meter máis. ¡Imposible! Pola contra do que adoito a facer nestas situacións, non me puxen nerviosa e díxenlle á miña nai:

-Mamá, mañá teño o último exame da avaliación, pero non teño folgos nin forzas para estudar. Síntome mareada. Apenas durmo pola noite polos malditos exames e coido que quizais non me saia moi ben.

Conteillo todo dun tirón, sen sequera respirar. Ela, comprendendo a miña tremendísima angustia, tentou animarme cunhas alentadoras palabras:

-¡Xa che dixen que non debes estudar tanto sen descansar!- ¡Meu deus!, pensei, esta muller ¿que di?. –Se descansases un pouco terías a mente máis despexada e preparada para calquera exame, pero ti dálle que dálle, sen parar nin para merendar. ¡É que es o demo!

-Mamá, é que se descanso non podo estudar ese anaco e se perdo ese tempo podería esquecer que a sustancia gris está formada por corpos neuronais, mentres que a branca son axóns e dendritas, e que esta última forma a árbore da vida que está no …

-Pero, cala a boquiña, muller. Anda, vai dar un paseíño e xa verás como de volta, te sentirás preparada para seguir estudando.

Esta muller perde aceite, semella que non lle fixo nada ben o xantar, pensei. Logo díxenlle:

-Ben, se insistes.

Saín da casa arrastrando os pés; o meu corpiño case non tiña forzas. Nas dúas últimas semanas durmira aproximadamente catro horas diarias e cos nervios apenas comía. Non me apetecera nin sequera a riquísima torta de queixo que a miña nai facía de cando en cando. Saín e andei sen rumbo. Despois decateime de que estaba no pequeno bosque que hai á beira da aldea. Aínda que o camiño seguía ata o tenderete do meu tío, desvieime e fun parar ó verdísimo prado de Maximiliano das Coxas, onde parecía fluír a vida. Alí había infantes, reis-reis, margaridas arrecendo a primavera, pintarroxos alzando o voo a cada paso meu, unha pega que voaba sobre min, seguro que buscando o meu colgante de ouro, un regalo que me fixera a miña madriña no meu bautizo e que este día co espléndido sol que ía, relucía dun xeito abraiante e como xa se sabe, as pegas son amigas dos obxectos que brillan.

A piques estiven de pisar un grupiño de cogomelos, que aínda que meu pai me ensinara a distinguilos, estes eran dunha especie descoñecida por min. Bolboretas de beleza sen igual voaban de flor en flor deixando o aire tinguido das súas puras cores. Namentres, o sol quentábame a cara e sentía tamén un agradable airiño. Era perfecto, o lugar idóneo no que liberar a mente de forma pracenteira. Respiraba paseniño e o aire percorríame toda facéndome sentir como nova. A sensación de benestar incrementábase vertixinosamente canto máis preto estaba da que chamaban a “árbore da vida”, a que ocupaba xustamente o punto central do inmenso prado de Maximiliano.

Era unha árbore enorme coas pólas caídas facendo unha sombra acolledora na que apetecía descansar. Non podo dicir de qué tipo se trataba porque de feito ninguén o sabía de certo. Chegara a contarme miña avoa que cando ela era moi nena, viñeran uns especialistas para tentar pescudar a qué especie pertencía, ademais da súa procedencia, pois aparecera alí da noite para a mañá e o pai do Maximiliano, don Berto das Coxas estaba un pouco mosca.

Había moitas lendas que tentaban esclarecer o suceso, pero como digo só eran lendas. Aquel día foi o primeiro, pero non o último que me acheguei á árbore. Olleina, non abraiada, pero si con certa curiosidade, pois semellaba ser tan vella coma o mundo.

Nin unha soa formiga percorría o seu agretado tronco e as pólas non daban froito, aínda que segundo don Berto na primavera soían dar unhas pequenas flores marelas que parecían ser indicios de que nun futuro non moi distante darían froitos, mais iso levábao dicindo moito tempo e non pasaban de ser só indicios. Descubrín entre as irregularidades da árbore unha especie de ollo de pechadura; parecíaseme a algo, pero non lograba decatarme.

De súpeto, pousei os meus ollos no colgante do que antes falei; si, naquel que me regalara miña madriña no bautizo. Tiña esculpida unha imaxe moi especial, unha media lúa unida a unha estrela de cinco puntas. Notei como se me pesase máis do normal e aperteino fortemente contra o peito. ¡Oh, Ceo Santo! Unha cegadora luz inutilizou os meus ollos, mais uns segundos despois puiden ver con claridade unha estrada que se dirixía ó interior da árbore. Sentín desexo de entrar e fíxeno.

Capítulo III

Corría o ano de 1843, Isabel II era proclamada maior de idade e comezaba a súa actuación entregando o poder ó sector dos moderados que encabezaba o xeneral Narváez. Era o comezo da chamada década moderada. Logo sairía á luz a Constitución de 1845 que se caracterizaría pola soberanía compartida entre as Cortes e o Rei.

¡Ring!, ¡Ring!

¡Oh! ¡Meu Deus, qué susto! Abrín os ollos, estaba diante da porta da miña casa e era eu a que remataba de tocar o timbre. Abriu meu pai, que xa debera chegar había un bo anaco, pois saíu coas zapatillas e coa bata de casa postas.

-¿Se puede saber de dónde vienes a estas horas en época de exámenes?- Non pensedes que esta parte en castelán está trabucada. Non, é que meu pai é andaluz e aínda que leva vinte anos en Galicia segue a falar en castelán e con ese acento tan peculiar do sur de España.

Calei.

-¡Qué! Luego ven llorando para casa, diciendo que te ha salido mal el ejercicio. Entra, ¿a qué esperas?

-É que eu…

-¡Es que nada! Venga, a cenar y luego ya sabes.

Como meu pai estaba nun deses momentos nos que non escoita o máis mínimo do que lle están a dicir e só vale o que el di, calei a boca e púxenme a cear. Había sopa e logo filete de peituga de pito con patacas. Só probei a sopa.

Despois de lavar os dentes, poñer o pixama e coller a roupa para o día seguinte de clase, deiteime. Esquecino todo e durmín tan placidamente como xamais o fixera.

Capítulo IV

Pi, pi, pi, pi, pi, pi … “e as choivas acompañarannos hoxe en todo o litoral cantábrico e aparecerán bancos de néboa polo … “. Eran as 7:30 h., e o espertador estábame a dar a orde de deixar a cama e enfrontarme a un novo día.

Xa lista para unha dura xornada de estudo, dinlle uns bicos de despedida á miña nai e ó meu irmán. Logo, baixando polas escaleiras, oín ó meu veciño Xurxo e agardeino. Polo camiño ata a parada do autobús, non falamos moito. A ningún dos dous nos apetecía abrir a boca, só camiñar sumidos nos nosos respectivos pensamentos.

O certo é que eu estaba totalmente en branco; non estaba a pensar en nada en concreto, pero tamén en todo a vez. Véuseme á cabeza que lle tiña que mercar á miña avoa unhas medicinas pola tarde. Manuel debía darme unha cinta para gravarlle “GUN” e tamén se me cabía algunha canción de “GREEN DAY”. Meu curmán Roberto viría ás cinco da tarde a que lle explicase uns problemas de matemáticas. Ás 19:30, Carlota e máis eu quedaramos na miña casa par ir xuntas á biblioteca a devolver uns libros; ela, o escaravello de ouro; eu, confusión e morte de Mª. Balteira, un libro estupendo e máxico. Sen me decatar, Xurxo estábame a berrar dende uns metros máis adiante:

-Nena, baixa das verzas, que imos perder o autobús. ¡Veña, corre!

Fíxenlle caso e conseguimos chegar a tempo. No bus senteime coa miña curmá Ana. Estaba moi contenta, pois recibira unha inesperada carta dunha amiga súa de Huesca. Falamos do libro de inglés que tiveramos que ler, un exemplar de cen follas de vocabulario puro e duro, do que fixeramos unha proba había uns días.

No instituto respirábase nerviosismo polas últimas notas da avaliación e de camiño á clase recordei que chegara o temido día no que tiña o exame de Historia. ¡Oh, non! Esquecérao por completo. ¿Cómo lle ía explicar á profesora que non estudara nada’ Non podía dicirllo, pero ¿qué outra cousa podía facer? Iso antes que un cero.

Mentres estaba a discutir comigo mesma, a profesora xa estaba a ordenar que nos colocásemos para o exame. Xa separados o suficiente entre nós como para non ver o que o veciño do lado escribía, entregounos un par de folios e logo a folla das probas. Advertiunos que eran exames distintos por se a alguén se lle pasaba pola cabeza botar unha ollada para un folio alleo.

Non sei cómo, pero a hora e media que tivemos de exame pasóuseme moi axiña e durante todo ese tempo non levantei o boli do papel. Ben, a non ser unha vez que Marta me picou nas costas para me preguntar a quen pertencía a primeira diapositiva.

Rematamos o exame e polos comentarios dos compañeiros, aquela proba saíra bastante ben en xeral, incluso a Nico, un dos rapaces máis nugalláns que endexamais coñecín.

Como estabamos no último días da avaliación o exame debía estar corrixido para o día seguinte e así foi. Cando mo entregaron, os meus ollos non daban creto ó que estaban a ver. ¡Un dez! ¡Xesús! Home, eu xa sabía que non parara de escribir na hora e media que durara a proba, pero endexamais pensei que fose sacar unha nota tan alta.

Naquel intre recordei que todo o que puxera nos folios, aprendérao xunto aquela árbore tan intrigante. Ese día descubrín cal era o lugar idóneo que debía utilizar cando preparase os exames máis duros, xunto á árbore da vida, que dende entón lle chamei o santuario; aínda que non pensedes que acudía alí só por motivos de estudo, pois co tempo as miñas visitas a aquel lugar foron por outras moitas razóns, pero iso xa é outra historia.


Aida del Jesús Yáñez. Ano 1998.




Escrito por Justo, el Martes, 23 de Noviembre 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal