Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
0:02
certame

0:02 

(1º Premio na categoría A –participantes maiores de 17 anos-. 2008) 

Cando o portavoz de Estados Unidos presentouse ante mundo, aquel 30 de Marzo do 2025, informando con tristura de que daba comezo a Terceira Guerra Mundial, houbo moita xente que non se sorprendeu. 

Dende a invasión a Iraq, a imaxe de Estados Unidos coma un país avarento e medorento foi aumentando cada vez máis, e centos de persoas ó longo do mundo tiñan ben claro que só era preciso un estímulo no lugar correcto para que a besta espertase, disposta a protexer o seu fráxil castelo polas armas, se era preciso. 

Todo comezou cando, no ano 2011, tralo aumento da violencia en Oriente Medio e en Oriente Próximo, a ONU, nun edulcorado acto de covardía, tal como fixera con España durante a ditadura franquista, recomendou q ue se retiraran tódalas embaixadas e bases das zonas en conflicto. 2011 d.C., foi o ano no que os países de Mahoma quedaron illados do resto do mundo. 

Mentres que para uns isto foi unha terrible desgraza, para outros foi unha oportunidade. As sectas, os fanáticos e os ultraconservadores viron, neste illamento, campo libre para facer o que quixesen. Non lles levou nin catro anos reunir unha grande parte dos países nunha única ditadura baseada na violencia. Este novo imperio cobrou no 2017 a súa primeira vítima: Israel. Caeron sobre o pequeno país costeiro e realizaron unha auténtica masacre. O berce do pobo xudeu desapareceu para sempre. 

Isto foi a escusa que Estados Unidos, máis avarento ca nunca tralos desastres naturais que o asolaron no 2013, precisaba para conseguir a autorización da ONU para intervir na zona. Nun principio, o único obxectivo do ogro occidental era a ditadura oriental, sen embargo, cando decidiu aproveitar a situación para atacar extraoficialmente a China e acabar así cun dos grandes núcleos comunistas que quedaban; o sinistro bramido da Terceira Guerra Mundial soou nos ceos. 

Durante cinco anos, que pareceron séculos de horror e sangue, a Terra estremeceuse unha vez máis, a mans dos seus habitantes máis recentes. 

Nun principio, Estados Unidos tiña moitos países que loitaban ó seu lado. Sen embargo, cando se fixo público que aquela guerra comezara pola ambición estadounidense contra China, o gran pais occidental atopouse só. E non dubidou en loitar ó máximo. 

No 7 de Xuño de 2030, Estados Unidos lanzou as súas bombas máis poderosas sobre o campo de batalla e sobre o seu país inimigo. Poucos minutos despois, todas aquelas terras pasaban a ser terreos mortos e inhabitables. Incluso a India e Mongolia resultaron afectadas. 

Nun arrebato de indignación e furia, guiados pola tensión acumulada durante o conflicto, tódolos países de Europa e Hispanoamérica descargaron a súas forzas sobre os Estados Unidos. Un ano despois, o país das oportunidades era só un imperio en ruínas.
A Terceira Guerra Mundial rematara, por fin, pero o peor estaba aínda por chegar. As bombas lanzadas provocaron unha terrible ferida no equilibrio dos ecosistemas por todo o mundo. O efecto invernadoiro agravouse, e o desxeo tivo lugar en poucos anos. Os países que non pereceron baixo as augas foron abrasados polos inmisericordes raios do sol. 

Durante moito tempo viviuse unha terrible anarquía a nivel planetario. Cada país, cada familia, cada persoa tiña que mirar por ela mesma nun ambiente caótico e moribundo. Os seres humanos estaban condenados a sobrevivir nun planeta que agora choraba e berraba de dor, cheo de feridas que o facían agonizar. 

Esta situación mantívose ata o ano 2105. Naquela época, unicamente Australia, Xapón, Inglaterra e parte de Rusia conservaban aínda o esplendor de comezos do século XXI. O resto do planeta estaba morto ou en guerra, como en África, onde emigraran a maior parte dos occidentais trala catástrofe. 

O clima toleaba cada vez máis. Os científicos comezaron a falar da chegada dunha nova era glaciar, e se cadra dunha extinción masiva. Nun intento desesperado por preservar o xénero humano, e se cadra darlle unha segunda oportunidade, ideouse o Proxecto ARCA. (Proxecto para o Avance da Raza Contra a Aniquilación). 

Este último intento de sobrevivir consistía na creación de xigantescas colmeas automatizadas en diferentes partes do mundo, baixo terra e blindadas contra toda clase de agresións externas. Nestas colmeas, os habitantes dos países que aínda sobrevivían serían crioxenizados e adormecidos ata que o mundo volvese ser habitable. En cada colmea, o proceso estaría dirixido por un ordenador. Unha máquina intelixente de última xeración que mantería vivos ós conxelados, ó tempo que analizaba a superficie do planeta. En canto detectase a restauración do clima e da temperatura, así como a rexeneración da capa de ozono e dos ecosistemas; investiría o proceso de crioxénese, espertando de novo á raza humana e permitíndolle regresar ó seu planeta. 

Tódolos ordenadores de tódalas colmeas dependían do ordenador da Colmea Alpha, situada en Inglaterra. Aquel xigantesco cerebro artificial, que debería ser activado pola man do último home en conxelarse, iniciaría e controlaría todo o proxecto. 

Estamos no ano 2126. Inglaterra, centro de control da Colmea Alpha: 

O profesor William asegurouse, por terceira vez, de que tódolos sistemas da Raíña-1, o ordenador da Colmea Alpha, funcionaban coma debían. Xa quedaba pouco. 

Segundo as últimas novas, no resto das colmeas estaba todo listo. Soamente quedaba Alpha, que seguiría un procedemento diferente. Ó redor da Raíña-1 atopábanse as cámaras de crioxénese dos científicos que dirixían o proxecto. En ningunha outra colmea había tal cousa. Tódalas mentes creadoras da última esperanza da humanidade durmirían ó redor da súa filla predilecta. 

— ¿Xa están todos crioxenizados?— preguntou William ó notar ás súas costas a presenza do profesor Miyazaki. 

— Sí, están.— respondeu o sabio xaponés.— Aquí e no resto das colmeas. Só quedamos nós. 

— Dilles que poden ir pasando. Todo está listo. 

William premeu un botón e as portas de cristal das cámaras abríronse lentamente. Eran as últimas. No resto de Alpha as demais xa tiñan cadanseu habitante dentro, crioxenizado e durmido. 

William premeu un segundo botón, e nunha pequena pantalla vermella comezou unha conta atrás de cinco minutos. O tempo que precisaban para meterse nas cámaras. Cando a conta chegase a cero, pecharíanse as cámaras, os científicos durmirían xunto coa súa xente, e Raíña-1 acenderíase, e tamén os ordenadores do resto das colmeas, iniciando a vixilancia do planeta e o Proxecto ARCA. 

— Espero que non haxa problemas.— dixo Miyazaki.— Xa sabes como están as cousas por África. Cada vez son máis violentos. Creo que chegaron a enviar terroristas ó mesmo Londres, ¿non? 

— Sí, así é. Pero non te apures. Se algún intruso irrompe aquí ou en calquera outra colmea unha vez estea iniciado o proxecto, un gas letal liberarase por tódalas instalacións. O gas permanecerá vinte anos antes de desaparecer de forma natural. 

— Vinte anos... segundo os últimos cálculos, nese tempo xa non haberá ningún ser humano máis na Terra, salvo os que dormen nas colmeas. 

— Segundo os nosos cálculos.— puntualizou William.— Esperemos acertar... se entra algún outro intruso despois de que o gas desapareza, podería ocorrer calquera cousa. 

— Esperemos ter acertado tamén coa blindaxe das colmeas. Alí afora as cousas están cada vez peor. Case parece que o ceo vainos caer enriba... 

— Non te preocupes. Non lle vai pasar nada a ningunha colmea, a non ser que o planeta estoupe.
 
A penas quedaban xa dous minutos na conta atrás. 

— A ver, ¿eses veñen ou non veñen?— preguntou William, nervioso. 

— Eu xa os chamei, non sei qué estarán facendo —Miyazaki aproximouse á porta de aceiro que daba acceso á sala— Espero que non se perderan... 

— ¿Cómo se van perder, se eles mesmos deseñaron este lugar? 

— Sí, tes razón — Miyazaki soltou un riso. 

O último riso da súa vida. 

A porta de aceiro abriuse de golpe, e un coitelo cravouse na gorxa do xaponés.
Un pequeno grupo de guerrilleiros africanos. Tolos fanáticos que no seu día foron españois, franceses, alemáns, americanos ou Deus sabe qué. Agora estaban cegos polo odio e o sufrimento. Vían no Proxecto ARCA unha nova trampa dos poderosos que os traizoaran no pasado, e non o ían tolerar. 

— ¡Merda!— William correu cara o panel de mandos. Polo visto, aqueles terroristas entraran no recinto usando os pases e as chaves dos outros científicos, que sen dúbida estaban mortos. O gas non se activaría só. Tiña que premer o botón. 

Unha bala atravesoulle a perna. A sangue comezou a brotar, pero non se detivo. Chegou ó panel de mandos mentres o xefe dos guerrilleiros falaba nun estraño dialecto, 
seguramente un deses que tiñan nacido nos últimos e caóticos anos. 

Cun golpe seco, William premeu o botón do gas. Aínda tardaría un pouco, esperaba que aqueles bestas non rompesen nada. 

O xefe dos guerrilleiros colleu a William polo pescozo e pegou o canón da súa pistola ó hombro esquerdo do científico. Era unha desas pistolas asasinas que databan do 2019. As balas tiñan a forza suficiente coma para arrincar un membro. 

— Do you want to live, dog?— preguntou nun inglés con moito acento. 

William limitouse a cuspirlle no rostro. 

O xefe guerrilleiro limpouse a saliva e apertou o gatillo. Cun ruído potente, o brazo esquerdo de William saíu voando e caeu sobre o panel de mandos. O científico non berrou. Tiña aprendido a aturar a dor. 

Foi nese momento cando o gas comezou a saír. 

Os guerrilleiros comezaron a tusir e a afogar. Era un gas mortal de última xeración. O seu efecto era fulminante. 

Sorrindo, William mirou cara a Raíña-1 por derradeira vez. El morrería, polo que a súa filla cibernética sería a nova gardiana da humanidade. 

Sen embargo, o sorriso esvaeceuse. 

O brazo que lle arrincara a pistola caera sobre un botón crítico. O que paraba a conta atrás. E con ela detida, o Proxecto ARCA non se iniciaría nunca, e a crioxénese dos centos de persoas que durmían nas colmeas sería eterna. 

William tratou de reanudar a conta atrás, pero o gas puido con el. Caeu, afogando intoxicado nun charco formado pola sangue que brotaba do seu ombro ferido. 

Xa non había voces nin vida en Alpha. Non había científicos na sala de Raíña-1. Só un gas cor verde pantano, e un pequeno monitor vermello no que brillaba a conta atrás interrompida: 0:02. 

Xa pasaron corenta millóns de anos dende aquel día. 

Non hai humanos na Terra. Xa non hai feridas, nin desastres naturais. A Natureza recuperou o seu equilibro, e a vida o seu esplendor. 

E os últimos seres humanos aínda seguen aí, nas súas inexpugnables colmeas. Os ordenadores non chegaron a acenderse. O Proxecto ARCA nunca se iniciou. A crioxenización é irreversible. 

Finalmente, os seres humanos conseguiron o que levaban buscando dende o principio dos tempos: a inmortalidade, non só a dos corpos, senón tamén a da memoria. Algo eterno que lles demostrará ás razas vindeiras que os seres humanos estiveron aí. Pero a qué prezo... 

Xa non son máis ca pantasmas do pasado, paralizados no tempo polo xeo e o metal. Voces caladas en estructuras colosais, pero mortas. Vidas detidas na existencia, nas mans dunha máquina que nunca chegou a espertar. 

Qué prezo... 

É o ano 40002126 d.C. Ou o sería, se aínda houbese persoas que contasen o tempo.
O mundo é de novo unha gran selva. Sen cidades, sen contaminación, sen guerras. Un paraíso terreal onde a natureza álzase de novo en toda a súa gloria. 

O planeta ten novos dirixentes. Criaturas evolucionadas dos insectos, que sempre foron os auténticos donos do mundo. Viven como vivían os seres humanos na súa prehistoria, pero son felices. Non teñen tecnoloxía, pero son felices, porque non perderon a súa conexión coa natureza. 

E, ós pes destas poderosas criaturas, nas profundidades da terra que no seu día foi a illa de Inglaterra, a Colmea Alpha segue aí, cos seus centos de humanos crioxenizados. E na sala da Raíña-1, en medio da escuridade, seguen a relucir, gracias ó núcleo de enerxía case infinita do complexo, as cifras vermellas da interrompida conta atrás. O tempo que lle faltou á humanidade para ter unha segunda oportunidade. O tempo que lle faltou para volver a comezar de novo... 0:02. 

Andrés Pombo Graña. Ano 2008.


Escrito por Justo, el Lunes, 22 de Noviembre 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal