Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
OS CARACOIS
certame

OS CARACOIS 

(1º premio na categoría C -participantes de 12 a 15 anos-. Ano 2004) 

¡Crach!, levantei o pé a modiño; debaixo vin uns anaquiños de cuncha miúdos e unha masa líquida que pingaba do meu zapato; no chan, unha masa viscosa e no extremo dous corniños de xelatina que se movían desesperadamente. Acababa de me converter nun asasino de caracois. Sentinme culpable, fíxoseme un nó no bandullo e sentín unhas ganas moi grandes de mexar. Dende aquela, a imaxe do caracoliño desfeito e convertido en xelatina non me abandona; teño pesadelos de noite con moita frecuencia. Soño que son un asasino en serie de caracois, un Jack “O Destripador” de bebés caracois. Rebusco baixo as pedras das paredes dos lameiros, doulle voltas ás follas das verzas, furgo cos pés entre as follas dos carballos e cando atopo un caracoliño, poño un sorriso sinistro e agarro a cuncha con dous dedos, colócoo no chan e logo ¡crach!, esmágoo co zapato e disfruto vendo a cunchiña esnaquizada en anaquiños. Outras veces soño que collo montóns de caracois e ordénoos en caixiñas colgadas dunha parede, cáenlle os corniños cara abaixo e semellan unha partitura musical, enriba pon o título: “O exterminio dos caracois”. 

Mais o peor non é iso; é máis terrible cando os meus soños son invadidos polos espíritos dos caracoliños que puideran ter existido, pero que nunca existirán porque o meu zapato se cruzou no camiño do que ía se-lo seu proxenitor. O mundo dos espíritos dos caracois non se pode describir dun xeito preciso, non ten consistencia nin forma, é coma un baleiro no que flotan como burbullas de xelatina transparente as almas dos caracois que viviron e xa morreron, pero tamén as almas dos caracois que nunca tiveron corpo, porque nunca naceron; son moreas inmensas, milleiros, millóns de corniños tocándose entre eles para buscar información e mais ca nada para mata-lo tempo, pois o tempo e inagotable no mundo dos espíritos e non saben que facer con el. Distingo entre eles claramente ós que eu privei da posibilidade de nacer, de ser felices co perfume das amapoulas, das cenorias, das rosas e das verzas ... que non saberán xamais o significado do presente, do pasado, do futuro … o tempo dos reloxos, porque alí o tempo é eterno e non se esgota; nin probarán nunca o zume do repolo que seica fai felices ós caracois; véxoos flotar coma nubes transparentes dun lado a outro, sen acougo, aínda que moi lentamente, porque a présa non ten sentido na eternidade, escóitoos facerlles preguntas ás almas dos caracois mortos, preguntas sobre a súa vida terreal: ¿Que é o orballo, o frío, o medo…? ¿Que son os arumes, os sabores, os nabos, as leitugas…? ¿Que se sente ó rillar as flores ou ó agocharse na cuncha, ó dixeri-lo zume do repolo e das cenorias? ¿Que é o día, a noite, os paxaros, as bolboretas, a angustia cando te mira un toupo ou unha pega? 

As almas dos caracois mortos esfórzanse en llelo explicar, mais é inútil poñerlles exemplos, empregar metáforas, razoamentos tenros de caracois; discuten entre eles sobre procedementos a empregar para que os entendan, porque os caracois despois de mortos son infinitamente solidarios e, ademais para eles é un xeito de facer máis levadeira a infinidade do tempo dos espíritos; pero é inútil, no mundo dos espíritos as cousas materiais non se poden comprender. Entón, as crías pantasmas dos caracoliños que nin existirán, maldícenme na linguaxe infantil dos espíritos dos caracoliños. ¡Asasino!, impediches que tivésemos corpo, senti-lo sol, a choiva, ve-la lúa, respirar. Son maldicións que non se escoitan, porque os espíritos dos caracois non falan con sons, non empregan palabras, senón sentimentos de xelatina, coma baba. Non se escoitan, pero fan feridas no corazón; pero é doado traducilo á linguaxe dos humanos: maldito por mata-las nosas esperanzas, por non andares a modiño entre as vidas insignificantes, indefensas, xelatinosas dos caracois. 

Cando esperto sobresaltado, sinto remordementos e convénzome de que eu non o matei voluntariamente; foi un accidente, ademais que non sufriu nada, e por outra banda, o culpable foi el. ¡Vai ti ver se non viña de troula por aquel camiño! Ó mellor viña dunha orxía de caracois e pasárase comendo morogos maduros que disque teñen moito alcohol; seguro que vía cuádrupe e non sabía por onde ía. 

De tódolos xeitos, a pesares dos meus razoamentos, cando atopo un caracol, cólloo con delicadeza, póñoo na palma da man e búscolle un sitio agarimoso: debaixo dunha pedra lisa, entre unha capiña de brión ou entre unhas follas secas, onde penso que non vai ter frío; e entón, penso que me mira cos olliños tenros que teñen os caracois para darme as grazas na linguaxe dos caracois; eu busco unhas follas tenras do que atopo: verzas, leitugas ou mesmo brotes frescos de carballo e déixollas alí para que non teña que arriscarse a andar polos camiños e que un zapato asasino o converta nun líquido viscoso e pegañento. Entón, síntome ben comigo mesmo. 


Martín Blanco Álvarez. 2004.


Escrito por Justo, el Lunes, 04 de Octubre 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal