Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
O BARNIZ DO LUSCOFUSCO
certame

O BARNIZ DO LUSCOFUSCO

(1º premio na categoría A –participantes de 18 a 30 anos-. Ano 2010)

Foi aquí. Onde a costa se presenta feiticeira e evocadora, e os chíos das gaivotas anticipan o retorno dos barcos. 

O luscofusco xa barnizara cos seus tons o día, e o escumallo lambía a area con luxuria. As ondas do mar, acariñaban os cons, e abrazaban con pleitesía a cintura das gamelas. Foi aquí onde o coñecín. 

Eran as sete da mañá. Os mariñeiros marchaban ó mar, co recendo do amencer na epiderme. Esa noite eu non fora quen de conciliar o sono. Decidira vencer o meu insomnio, camiñando descalza pola area da praia. 

As triscadelas das ondas do mar, agatuñaban as primeiras raiolas do sol. 

E entón foi cando o vin. Sorriu nada máis verme e xuntos paseamos en silencio. Non fun quen de pronunciar ningunha sílaba, apreixada como estaba na gaiola dos seus ollos. 

O paseo rematou, e con el descendín os mil banzos da escaleira de ilusións pola que subira. 

Os seguintes días repetín o meu paseo matinal tentando atopar o contraste da súa pel escura, coa branca area da praia, pero non atinei a conseguilo. 

Unha semana máis tarde, da man dun vello mariñeiro, coñecín a súa historia. 

Boris era novo no barco do Caimán. Chegara a Burela dende Nixeria, escapando da podredume da miseria que engaiolaba os seus soños. 

Pronto aprendeu o oficio do mar, a bordar o trazo das ondas nos curutos das pedras. 

A súa tenrura, e o seu apego polo traballo, convertérano nun dos traballadores máis respectados dos que tiña ó seu mando o Caimán. 

O destino fixo que os nosos encontros se multiplicaran, e mentres tanto as arañeiras de Cupido tecían as súas redes sobre as nosas almas. 

Boris tiña a pel escura como as noites nas que tanto pensara nel. Chegara ó pobo, para romper a cadencia dos ciclos lunares, para encher a miña vida de tolería. 

Os seus ollos eran folerpas de neve negra, que me acariñaban a alma, e o seu corpo a caligrafía, que anceiaban os meus dedos. Boris non falaba o noso idioma, pero falaba a lingua universal da tenrura. Era un políglota das emocións. 

Moitas foron as mozas que se namoraron del, da súa mirada espilida, dos seus movementos parsimoniosos e pensativos, pero só eu fun quen de apreixar o arume da súa tenrura, de encher o bandullo da súa paixón. 

Os seus bafos eran os cristais da pouca conciencia que me quedaba. Boris aniquiloume co gume da navalla dos seus sorrisos.O enigma dos seus silencios, engaiolou a escuma do meu corazón. Tiven que turrarlle dos sorrisos, coa forza da miña algarabía, e comezar a escribirlle manifestos na alma para que se fixase en min. 

As súas verbas contiñan o fel dos ocasos de fame, que na súa terra sufrira, e o calor do noso primeiro bico fundiume as entrañas. As súas mans, precisas e lixeiras, percorreron o meu corpo, debullándome a alma. 

Boris quebrara os meus algoritmos de paixón, fendendo as brechas dos calafríos cos que eu fora construída. Naquela nosa primeira vez, el concibira instantes eternos no meu útero de contornos febles. Alí deixara gravadas as pegadas do seu sexo. 

Daquela souben que o amor eran anacos do seu corpo e que nós escribiriamos no libro dos amantes, mecanografiando as cicatrices dos amores imposibles. 

A ese primeiro encontro, seguírono, moitos máis. Ata cheguei a pensar, que o seu membro, era xa parte de min. Boris traducía o meu van a distintos idiomas, e a pureza era a esmola que pagaban os meus beizos. Coa súa lingua escribíame versos que xa murcharon, e coas súas mans habitaba os meus ocos con sonetos nómadas. 

O seu corpo converteuse no caderno de bitácora dos meus amenceres. 

Daquela poñiámoslle nome ós sorrisos e os meus seos eran prolongación dos seus dedos, e o meu sexo o punto de partida das súas mans. 

Eu vivía cun chafariz de ilusión no peito, e o argazo do desexo habitaba en min. A ardentía das augas abalaba os nosos soños dun proxecto en común, e os nosos bicos entrelazábanse nas mallas das nasas. 

Boris fixérame un burato na capa de ozono das entrañas, e agora tiraba dos fíos de la, que me escorregaban da alma. 

Eu cadraba o meu corpo imperfecto con escuadra e cartabón, para que el coubera nos meus recunchos anoréxicos. Axustaba os meus contornos sedentos sobre os camiños que trazaban as súas mans. 

Porque dende que Boris me arrincou o corazón, souben que o primeiro que coñecín ó nacer foi o seu baleiro espúreo, e os seus acenos de po, esgazando os meus sorrisos.
El era o alén das palabras, a luz que apagaba as miñas noites, os ollos que me condenaban á escuridade, o ser, que había anos eu deixara de ser. 

Tiñamos que roubarlle horas ás agullas enferruxadas do tempo para poder estar xuntos.
Moitos do pobo non puideron entender a maxia do meigallo que existía entre nós, e a miña familia xamais viu con bos ollos, a nosa relación. Pero a min, xamais me importou. Boris era a pel que eu levaba tatuada con bágoas. 

Na súa ausencia sentía que a putrefacción se colaba no meu ventre, e que as catro paredes da miña casa se convertían nos meus vinte metros cadrados de desidia, no meu recuncho de soidades. 

Pero o destino é maleabel e nauseabundo. Dous meses despois daquel primeiro encontro, Boris faleceu afogado. Ninguén me puido explicar o que sucedera. 

O seu corpo apareceu flotando na area daquela praia na que chegara á miña vida. As coordenadas do meu futuro ficaron murchas dende entón. 

Daquela entendín que o amor é un longo adeus dándoche a benvida. 

Con el bicara a rosa dos ventos do amor primeiro, e coa súa morte impregneime dos cantos gregorianos das sereas que foron a despedilo. 

Nunca a anguria foi tan mesta, nin a dor tan cóncava. 

Unha voráxine de pensamentos podres ateigoume as noites e o insomnio botou de novo raíces en min. 

Cada noite o meu maxín, trenzaba unha e outra vez as miradas que ambos compartiramos. A dor enferruxoume o peito, a molicie da tristura acugulou os meus adentros, a poeira da súa ausencia lambíame o corazón. 

O espellismo dos seus ollos retorna unha e outra vez a min. Boris bicándome a alma, Boris beliscándome o peito, Boris evadíndome dos solpores rexos... 

A súa ausencia salfería as miñas feridas co vinagre dos seus recordos. A daga da súa morte, abriume o peito, como se fose un colibrí diseccionado no laboratorio do forense.
El era o que pintaba de quimeras as miñas ás de avelaína desnutrida. 

Dende a súa morte, sángranme as meniñas de amalo, pero aínda así non deixo de facelo. 

Petan en min os seus ecos desafinados, e baten como andoriñas desnortadas as súas pálpebras inzadas de nocturnidade. 

Boris habita en min e eu habito nos teus ollos. El é o coitelo que asoballa os meus alentos, e sei que voltarei ó primeiro universo dos latexos, para atoparme con el. 

Pasou o tempo e agora xa non me importa que a dor faga vieiros en min que ninguén máis coñece. Xa non teño medo que a amargura deixe as pegadas da súa tona na area da miña incoherencia. 

E por iso cada tarde, volvo a esta praia. Porque foi aquí, onde o amor verdadeiro chegou a min. 

Rocío Leire Castro, de Cée. Ano 2010.


Escrito por Justo, el Martes, 03 de Agosto 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal