Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
LEMBRANZAS DE MIN
certame

LEMBRANZAS DE MIN

(1º premio na categoría B -16 a 19 anos-. Ano 1997)

Era un cacho pequeno de terra dentro dun planeta aínda recén creado. Era coma un carro ollando cara o ceo. O carro tiña catro estadullos: un en Ribadeo, outro en Camariñas, o terceiro na Gudiña e o último na Guarda. Tiña tamén unha roda en Ortegal e a outra en Calvos de Randín.

Remataba Deus de face-lo Mundo e atopábase moi canso de tanto traballar en tan poucos días. De súpeto, tódolos cumes repuxéronse rabiosos contra El por non lles ter posto pernas para camiñar e abriron as súas bocas para trousar ríos ardentes de vermellas augas, que baixaron adoecidas polas ladeiras.

Díxolles Deus, farto de aquelas bravatas:

-Péchensevos inmediatamente as fumegantes gorxas e recóllanse para o fondo da terra as vosas linguas voraces.

Unha vez que foi obedecido, encontrouse cun novo problema, pois desatárase estarrecedora a treboada. Ela tiña ás para desprazarse, mais faltáballe corpo para mirarse ó espello. Volveu a falar:

-Cesen xa os raios que caen sen pausa.

-O planeta quedara todo dunha cor vermella. Pensou Deus con tristeza naquel mundo que lle saíra pouco agraciado e por primeira vez na súa infinita historia botou unhas bágoas que ó caer sobre as áridas terras chas volvíanas mares de incomparable cor azul e que cando caían sobre os espidos penedos cubríanos de máxicos verdes. Rematou entón Deus a súa obra cheo de ledicia.

Conforme pasaban os milenios e aquel planeta ía enchéndose de vida, tamén aquel cacho de terra que semellaba un carro foi pintándose de verde, azul e amarelo; de xeito que o carro parecía estar cheo de millo, pementos, froitos, verduras e moitos peixes en innumerables depósitos de auga. Quizais fose por iso polo que a xente que co paso dos séculos ía nacer naquel agradable lugar tería de ser labrega ou mariñeira.

Este era o conto que María lle estaba a relatar á súa bisneta Iria para que a rapaza se durmise por fin, pois era moi tarde e a cativa só parecía ter ganas de troula, xa que vivira intensamente aquela primeira xornada de vacacións no pobo da súa bisavoa. Encontrárase coas súas amigas que facía máis dun ano que non vía; fora cos seus primos pescar ras ás pozas dos prados da Abelenda; ensináranlle un niño de merlo con dous ovos, entre as ramas dunha vimbieira; subíranlle á cerdeira da Camila, a súa tía avoa, e fartárase de cereixas; andara polo curral perseguindo ós cochos e ás galiñas; envorcallárase no montón de herba que o tío Ramón tiña no baixo para o gando e ata atopara entre ela un niño de pita con once ovos; empeñárase en atravesa-lo patio enriba do “tarzán”, un gran pastor alemán que de ningún xeito quería prestarse ó xogo. Fixera tantas cousas naquela xornada, pasara tantas aventuras e reencontrárase con tantos amigos que agora e a pesar do conto da súa bisavoa, resultáballe case imposible concilia-lo sono. Estaba inqueda e ilusionada, pois a súa tía dixéralle que ó día seguinte ía permitirlle axudala a mungui-las vacas, mais por fin o cansazo puido coa nena e quedouse profundamente durmida.

Á mañá seguinte, a primeira en espertar foi a Iria que se dirixiu á cama dos tíos e tirando polas sabas, díxolle a Camila:

-¿Non te pensas erguer? Despois as vacas xa non darán leite. ¿Ou é que pensas que van estar á nosa disposición todo o día?

-¡Ai, vállame Deus! Esta nena é unha treboada- respondeu a tía, admirada de ve-la xa tan esperta.

O Ramón, abraiado, dixo:

-Mira, é moi cedo e as vacas aínda dormen. Vaite á cama, que xa te irá chama-la tía. ¿De acordo?

A nena foise resignada, aínda que non convencida. Saíu para ó patio; alí estaba o “tarzán”, medio durmido aínda, pero cos folgos suficientes para fuxir tan pronto a viu, non fose que á nena se lle pasase pola cabeza unha disparata idea coma o do día anterior.

A rapaza entrou de novo na casa, todo seguía igual, agás que a tía xa rebulía coa louza na cociña. Mandoulle á sobriña:

-Pon na mesa as tazas para o almorzo, que despois iremos mungui-las vacas, pero estes días teñen moito leite e se lle apertamos forte nos tetos pérdese todo.

-¡Ben!, tomemos ese cola-cao, que xa me roxen as tripas coa debilidade- contestou Iria leda e radiante porque estaba a comezar un novo día de aventuras.

Colleron dous caldeiros e ó chegar á corte, sentáronse en cadanseu banco. Querendo facer unha das súas trasnadas, a Iria apuntou cun dos tetos da vaca cara a roupa da súa tía avoa e tirou del con tódalas súas forzas, empapándoa co leite. O que a nena non agardaba, foi a couce que a vaca lle deu ó banco onde estaba sentada, tirándoa no chan. Con tanto balbordo, o tío Ramón achegouse á corte e non puido parar de rir cando viu á súa muller e á súa sobriña no estado en que cada unha se atopaba. Non se cansaba de repetir:

-Esta nena é peor co demo.

Esa mesma tarde foi con eles e coa bisavoa ó eido de Pardás para rega-lo froito; había leitugas, pementos, cebolas e tomates verdes e vermellos, que a rapaza xa quería desfacer na horta. Mentres os tíos regaban, dedicouse a perseguir grilos e saltóns, a recorrer todo o eido tratando de pilla-los bichos que descubría. Tan absorta estaba no xogo, que non se decatou do perigo que supoñía a poza que hai xusto no centro da propiedade familiar e foi dese xeito que caeu nela. ¡Miúdo chío botou a bisavoa correndo cara onde caera a súa bisneta! Colleuna por un brazo e intentou sacala, pero como xa era vella e ademais Iria pesaba o seu, porque estaba moi ben mantida, non o puido acadar. Menos mal que había pouca auga na poza e que os tíos chegaron axiña para quitala.

Xa na casa, mentres Iria se foi a cambiar, pois estaba toda mollada, a tía puxo a comida á mesa. Tan pronto chegou a rapaza, comezaron a xantar. Había tortilla, unha inmensa tortilla feita con ovos de casa e ricas patacas. Acordouse de que o seu pai lle tiña contado algunha vez de que cando era pequeno lle gustaban moito as saborosas tortillas que a tía facía tan deliciosamente ben. Estaba a pensar que o seu papá tiña moita razón, cando o tío Ramón lle dixo:

-Xa sei que ti es tan só unha nena e que ademais che gusta moito facer trasnadas, pero debes estar máis atenta porque no campo hai tamén moitos perigos, sobre todo para unha nena pequecha coma ti, que non os coñece de abondo. Xa víchelo que che ocorreu hoxe. Ben, isto non é unha rifa, senón unha recomendación para que non pases perigo e agora enchufémo-la tele se queredes.

Os seguintes días pasounos igual, con moita intensidade; pola mañá: erguerse, mungui-las vacas, labor no que se fixera unha experta, colle-los ovos que puxeran as pitas, rega-las fresas, xogar co “tarzán” ou ir un pouco á praza a xuntarse cos outros nenos, logo xantar. Pola tarde: disimular que durmía un pouco a sesta, ir cos amigos en bici ou pescar peixiños no regato das Pontellas, aínda que se entraban as ras tamén as levaban para fritirlle as ancas. Á noitiña, soía ir cos tíos regar a Pardás, ou ó Lugar, ás veces axudaba á Camila a lava-la roupa no lavadoiro público, ou ben xogaba cos nenos do barrio. Despois de cear botaba unha partida de cartas ou escoitaba os contos e lendas dos maiores. Quen máis sabía e quen as contaba mellor era sen dúbida a bisavoa María.

Iria Calviño García. Ano 1997.


Escrito por Justo, el Sabado, 03 de Julio 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal