Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
ÁGUEDA, A RAPAZA QUE QUIXO MEDRAR APURADAMENTE
certame

ÁGUEDA, A RAPAZA QUE QUIXO MEDRAR APURADAMENTE 

(1º Premio na categoría B –participantes de 13 a 15 anos-. 1996) 

-Uxía tes visita. 

A voz da miña nai resoaba coma tronos no meu cuarto. Eu, que me atopaba lendo unha entretida novela, calcei as zapatillas e con toda a vagancia posible, amolada, baixei as escaleiras para ir ó salón onde alguén me agardaba. ¿Quen podería ser? Fose quen fose, desfaríame pronto del e seguiría a ler esa obra tan interesante que agora acababa de deixar encol do leito. Cando abrín a porta vin á Águeda, como sempre fochicando en tódolos caixóns que alí había. ¡Como non o imaxinara! 

Águeda era unha rapaza que a tódalas horas estaba na miña casa. ¡Adeus á lectura por hoxe, pensei, pois non vai ser doado quitarme de enriba esta lareta! Nese intre díxome: 

-¿Podemos falar? 

-Si, muller, imos para a miña habitación. 

Subímo-las escaleiras e dirixímonos cara a miña alcoba. Namais entrar, eu senteime na cama colocando o libro sobre os xeonllos. Moi pronto estaba xa completamente inmersa nas fantásticas aventuras que naquela novela se contaban e sen darme conta ignoraba a Águeda que falaba e falaba sen acougo. Entón preguntoume: 

-¿Que che parece? 

-¿Que? Moi ben, penso igual ca ti. 

-Ben, voume logo. ¡Ata despois! 

-¡Adeus! 

¿De que demos falara? ¿Con que lle dixen que estaba de acordo? Esquecinme de todo, mais había algo que me inquedaba; Águeda era unha aloucada e o máis raro, ela non soía consulta-las súas toladas con ninguén, pero esta vez preguntárame que pensaba eu. Isto era moi estraño. ¡Ai, meu Deus!, seguro que lle dixen que iría con ela a esa excursión que ten planeada para cando dean as vacacións, pero ben sabía que comigo non pode contar, pois toco nunha banda de música e non dispoño casemente de tempo no verán. Ademais, eu non aturo a esa rapaza quince días, aínda que lle dese por pasalos durmindo, pois non sei, vive noutro mundo, sempre contando emocionantes aventuras que lle suceden con atractivos rapaces. Pode que esas historias sexan certas, pero de tanto contalas no Instituto onde estudia coa miña irmá, fan pensar que é unha fachendosa fantasmona. 

----------

Esta tarde veume chamar Antía para ir dar unha volta. Decidimos pasear pola praia, que un ano máis xa prepararon para recibir unha nova onda de turistas. Alí estaban a xogar ó fútbol algúns mozos da vila; achegámonos a saúdalos. 

-¿Xogades? -preguntaron. 

-Case que non. 

Fomos andando ata a Pena de Altar, pois como a marea estaba baixa, podiamos chegar con facilidade. Serían as oito da tarde cando marchamos e nos diriximos á Fonte de Ouro, que era o “pub” onde a xuventude pasaba as últimas horas da tarde e as primeiras da noite. Dentro estaba Águeda con outra xente, moi ben vestidiña e moi peiteada. Funme para fóra e Antía seguiume. Cada vez había máis dúbidas na miña cabeza. Esta rapaza decididamente estaba tola ou polo menos eu non lle entendía nada. Conteille á miña amiga o sucedido horas antes na miña casa e por moito que matinamos, non atopamos resposta a todo aquel embrollo. 

-¿Vistes como ía Águeda? Semellaba que tiña sete anos máis dos que ten; ata creo que levaba un deses sostés que fan os seos máis voluminosos. Agora remata de marchar cun tipo que vos debe ter uns vintecinco anos polo menos, case dez máis ca ela, e o máis curioso é que saíu agarradiña a el, que parecían noivos de toda a vida. Que eu saiba non o son, pois se o foran, ela xa o tería publicado en tódolos taboleiros de anuncios da vila. E ¿vistes cando entrou no coche do tipo como lle plantou un beixo nos beizos que fixo que tódolos que estabamos preto quedasemos pampos ó ver semellante espectáculo? Ese home ben podía ser seu pai, xa que ela é só unha mocosa, mais vindo de quen vén, que lle pedides- díxonos Xoana ó saír do “pub”. 

-¡Vaites Xoana! ¿non ías ir a Foz con Ánxela? Non vos chamamos pensando que non estariades na casa -dixen. 

-Ó final decidimos ficar e viñemos para aquí. 

-Xa vexo. 

Pedimos catro botellíns e sentámonos na terraza. Prestaba moitísimo na última semana de xuño sentir aquela brisa tan agarimosa. Media noite sería, non, era máis tarde, cando un coche deixou a Águeda na porta do bar. Achegouse paseniño e cunha cara que mostraba moita felicidade, díxonos: 

-Esta noite será inesquecible rapazas. Nunca coñecera un tío así. Estabas no certo, Uxía, cando na túa casa me déche-la razón no de que o amor non ten idade e me apoiaches para que saíra co Alberte. 

Alucinei e os ollos abríronseme como pratos. Coma sempre eu non entendía nada e non me lembraba de lle ter dito algo referente ó amor, nin sequera de ter falado con ela dese tal Alberte, pois eu nin o coñecía. Ademais, era ridículo iso de que eu apoiara a idea de que saíra con el. 

-¿Ónde fostes? -preguntou Ánxela. 

-Á praia, alí estase moi ben. É un lugar romántico. 

Entón sacou o paquete de tabaco e xunto con el saíu a caixiña dos condóns e nós decatámonos de que faltaba un. Estabamos abraiadas e sen saber que dicir. Eu comecei a cavilar na miña irmá. ¿Seríalle boa a compaña daquela mocosa? 

-Xa vexo que tomas medidas -dixo Ánxela, quizais só por racha-lo xeo que se apoderara de todas nós. 

-¡Como non as ía tomar! ¿Coidas que teño dez anos? -respondeu chea de razón. 

-Mira nena, vaille contar parvadas a outras, non che teño paciencia de aturar semellantes burradas -comentei. 

-¿Seica tés envexa, porque ti non atopas quen te queira? -respostou insolente. 

Arredouse cunha risa cínica que a min envelenoume o sangue. Ó día seguinte fun con Antía, Xoana e Ánxela a montar en “bici” polo paseo marítimo. Acompañounos a miña irmá que case se esnafra contra un camión por andar a facer trasnadas de nenas pequenas; eu aproveitei a ocasión para rifarlle polo seu comportamento e para aconsellala no tema da Águeda. Díxome que era moi boa rapaza, ademais da súa maior amiga, pero que tomaba o sexo coma un xogo e que por iso a xente xa non valoraba as súas restantes calidades. Eu non souben que dicir, quizais falara moi a présa, quizais a xulgara mal sen coñecela o suficiente; pode que a súa compaña fose a que lle conviña á miña irmá para que abrira os ollos e actuara por se mesma, para que saíra de debaixo da saia da miña nai e para que vendo o mal exemplo da Águeda chegara a saber diferencia-los comportamentos asisados dos aloucados. 

A semana vindeira chegaba da Coruña o Xurxo, mozo de Xoana. Viña a pasa-las vacacións á vila; estaría de xullo a setembro. 

---------- 

A tarde que chegou Xurxo, fomos as catro a esperalo á estación de autobuses de Foz. Viña só, pois os seus pais non poderían viaxar ata agosto. Facía calor. Xoana amañárase moito; aquel vestido negro axustadiño quedáballe moi ben. El baixou do autobús cun sorriso que lle ía de orella a orella. Achegóusenos e pousando a súa maleta no chan saudounos a todas, unha a unha, cun bico na meixela.. Cando bicou á súa moza, fundíronse nunha aperta interminable. Deunos a sensación de que nó-las tres sobrabamos, de que querían falar, observarse, estar sós. Quedamos con eles ás oito da tarde, pois a esa hora tiñamos que colle-lo autobús que nos achegaría a Barreiros, onde viviamos.

Mentres, dirixímonos ó bar do pai da Ánxela. Vivía só en Foz, xa que estaba separado da súa muller, seica dende que a rapariga era ben pequecha. Ó parecer, non se levaban nada ben e andaban sempre a labazadas; pero o home, era ben agradable e nunca se metía onde non o chamaban. O tempo pasou como un raio e ás oito xa estabamos todos no autocar. Cando chegamos á aldea sentiámonos demasiado cansos como para ir de troula, sobre todo Xurxo que remataba de realizar unha longa viaxe, polo tanto fomos para a casa a deitarnos, pois as vacacións aínda estaban a comezar e habería moito tempo para a grupo, aínda que eu tiña pendente un exame para setembro na facultade e tamén tiña que tocar cos meus compañeiros da banda. 

---------- 

Xa se esgotara a primeira quincena de Xullo e as cousas marchaban coma sempre, agora non eramos catro senón tres, pois Xoana pasaba os días, dende a mañá á noite co seu mozo, mais a nós non nos parecía mal, para o pouco tempo que estarían xuntos. A miña irmá saía moito cunhas rapazas de Foz, xa que a miña nai non a deixaba ultimamente andar coa Águeda. Non era estraño, pois polo pobo as malas linguas contaban cousas tremendas dela. A verdade era que daba que falar, pero a xente tamén era incrible. 

Esa rapaza ía acabar mal. Eu sempre a vía co Alberte pola praia á noitiña, cando sacábamos ó noso cadelo a dar unha volta. Non sei como a súa nai llo permitía, pois todo o mundo sabía que aquel mozo tiña noiva formal en Barcelona, onde traballaba, e que estaban a piques de se casar, pero Águeda non o quería crer e dicía que Alberte era seu. Dicía tamén que ninguén os podería afastar. A min dábame pena, porque sabía que a estaba a utilizar e que ó final a ía deixar. O peor era que ela estaba namoradísima. Non podiamos facer nada, pois a cousa non tiña remedio. Unha tarde na que eu me atopaba a estudiar para o famoso exame que tiña que facer en setembro soou o teléfono e colleuno miña irmá. Só se oíron unhas frases entrecortadas. 

-Diga.

-...

-¡Ah, es ti! 

-...

-¿Tes problemas con...? 

-...

Falamos despois, agora hai roupa tendida. 

-...

-Ata logo. 

Despois sentín as preguntas que a miña nai lle facía a miña irmá: 

-¿Quen era? 

-Unha rapaza do Instituto, mamá. 

-¿Que che quería? 

-Por Deus ¡que curiosa es!, son cousas miñas. 

Miña irmá subiu ata a miña habitación e díxome que Águeda acababa de chamar e que dixera que precisaba verme á noite, que me agardaba na praia ás once. 

-Estaba moi preocupada -engadiu. 

Cando chegaron as nove, fun onde a miña nai e díxenlle que ás dez levaría ó meu can a dar un paseo ata a praia. Decidín entón cear algo. Fun á cociña e collín un cartón de leite na neveira e tomeino pensando na Águeda e no que lle pasaría. Unha preocupación formigábame na fronte ata facerme doe-la cabeza. Por un lado non tiña nin ganas de falar con ela; polo outro, pode que me precisara de verdade. 

¿Que lle acontecera? ¿En que lea se metera esta vez? Ó mellor só quería verme para contarme algunha de vaqueiros, das que adoitaba a contarnos antes de saír co Alberte? Chegou a hora da cita e eu fun co meu can distanciándome da casa. Na praia puiden albiscar unha persoa sentada nunha rocha. Fixo que era ela. Berrei: “¡Águeda!, ¡Águeda!”. Ela acenoume coas mans. Entón funme achegando ata a rocha onde estaba sentada. Olleina, tiña a cara pálida e húmida, estivera chorando a ben seguro; o seu aspecto era desaliñado e triste, sen esaxerar parecía unha pantasma. Seus ollos estaban vermellos e inchados, súas mans movíanse sen interrupción. Atopábase como ausente, fitando para o inmenso sudario negro no que se estaba a converte-lo ceo, agás as estrelas que aportaban un pouco de luz e de esperanza a aquela escena tan amoucada; agás, tamén, a lúa case chea, feliz, que se xuntaba co mar no horizonte. Os pés de Águeda, descalzos, xogaban na area inconscientemente, sós, igual cas mans, sen que ela lles tivera dado orde de moverse. Miroume e botándose ós meus brazos díxome: 

-Ti es a única que me pode axudar. 

As súas cristalinas bágoas esvarábanlle dende os ollos polas meixelas, aínda de nena, ata chegar ó pescozo onde desembocaban caendo na miña camiseta. O can andaba dun lado para outro, choutando, perseguindo quizais á súa propia sombra, tombándose na fina area e erguéndose para vir xunto de min e lamberme as mans, cheo de felicidade, alleo á profunda dor que naquel intre estaba a sentir aquela rapaza. 

-¿Que che ocorre, Águeda? ¿Seica te deixaches co Alberte? 

-Moito peor, moito peor -e volvía chorar-. Estou preñada e el non se quere facer cargo, pois dime que xa está comprometido. ¡Non sei que pasou co maldito condón! ¡Que mala sorte! 

Ficou en silencio uns segundos, logo continuou falando: 

-Preciso abortar sen que se decate ninguén e ti es a única persoa que me pode axudar. 

-¡Eu! Non vexo a maneira -respondín espantada. 

-O problema é que a operación é demasiado cara e ti coñeces a miña situación económica. Por outra banda, miña nai mataríame si se decatase. Toda a vida traballando coma unha burra ¿para que?... Para isto. A meu pai non podo irlle con este rollo. É demasiado bo, pero xamais me perdoaría. Isto levaríao ó cemiterio, tal como é el. Ademais, que lles podo pedir a eles, que se non fora pola miña avoa teriamos que andar á esmola. 

Eu non sabía que dicir, na miña casa os cartos non eran problema, pero os meus pais controlaban tódolos movementos da miña conta. ¿Como podería gasta-lo diñeiro sen que eles se decatasen? Se o retiraba ós poucos, probablemente sería demasiado tarde para a práctica do aborto. Águeda comezaría a engordar e todo o mundo se decataría do seu estado. Interrompeu os meus pensamentos e cun profundo salouco axeonllouse e pediume axuda novamente. Non podía negarlla, partiríalle o corazón a cachiños e aquela toliña era capaz de facer calquera barbaridade. Ela estaba nunha escura brétema e eu era a súa única luz. Por fin aceptei. Díxenlle que en menos dun mes lle tería os cartos, que non se preocupara máis. Pensei que lle ía parecer moito tempo de espera, pero eu non podía facer outra cousa, nin acelerar máis o que xa daba voltas arredor da miña cabeza. Funme para a casa, cansa, como se viñera de xogar un partido de baloncesto, daqueles nos que eu me entregaba a tope. Precisaba acougo. 

----------

O tempo pasaba e eu ía quitando cartos en pequenas cantidades, aínda así a miña nai decatábase de que gastaba máis do habitual e tiña que fartarme de pór escusas na casa; que de tantas que inventaba, cada vez me custaba máis explicalas. Ata cheguei a finxir que me roubaran a carteira. 

Había dous días que coñecera a un mozo moi simpático, que tamén estudiaba dereito coma min, pero noutra universidade. Era amigo do canalla do Alberte, pero moi distinto del e menos fachendoso. Chamábase Guillerme e sempre estaba preocupado por nós, especialmente por Águeda, posto que xa sabía o que lle pasaba. Ultimamente o seu problema uníranos moito. Por outra banda, o Alberte, adiantara o remate das súas vacacións na casa paterna e fuxira unha noite no seu deportivo. Fuxira da queima. Fuxira coma un covarde, coma o que era. Unha tarde Guillerme veume buscar á casa e pediume que fósemos á praia a facer surf. A min non me gustaba moito ese deporte, pero non tiña mellor cousa que facer, a non ser que optase por aturar á pesada da miña irmá ou oír as mágoas da Águeda. Aceptei e encamiñámonos cara a praia. Cando chegamos, observou con excitación que as ondas estaban boas para o surf e dixo que ía aproveitar para practicar. Eu fiquei deitada encol da miña toalla. 

O seu cabelo louro, que parecía unha interminable cadea de flores de acacia chegado febreiro, voaba nos camiños do vento. Seus ollos eran verdes coma un prado no que recentemente caeran milleiras de pingas de chuvia e irradiaban unha luz que amosaba unha aberta ledicia. Os seus carnosos beizos semellaban papoulas paridas pola primavera. O roce da súa pel, facíate sentir ben, tranquila, protexida, como no paraíso. Todo o seu corpo pingaba, pois acababa de saír da auga, e eu observábao. Nas súas meixelas deixábanse ver dous gracioso buratiños cando sorría e á caída da noite as perlas da súa boca non paraban de brillar. 

Cando non quedaba xa ninguén na praia, decidimos marcharnos para a casa. Ó chegar, a miña nai fixouse no aro que colgaba da orella esquerda do Guillerme e cando entrei para dentro, despois de marcharse el, tiven unha boa rifa. Os meus pais preguntáronme pola vida que eu levaba; estaban preocupados e amolados. Ó parecer, moito era debido o meu novo costume de quitar tantos cartos, o que certamente os intranquilizaba bastante. Ultimamente escoitaban as miñas conversas telefónicas e a miña nai incluso chegara a remexer nos meus caixóns. Buscaba algo con desespero, unha resposta ó meu estraño comportamento, algo que loxicamente non atopaba. De cotío, cando chegaba á casa fitábame ós ollos con descaro. Eu fuxía indignada de seu carón. Esa situación era desesperante. Mamá estaba a buscar arreo algo que non atopaba; furgábame na roupa, no bolso, na mochila, en tódolos sitios nos que puidera ter agochada algunha cousa que me descubrira. 

Case sempre saía polas noites co Guillerme. Caíame ben e tiñamos moitas cousas en común. Meus pais chegaron a obrigarme a non me ver con el; pensaban que o mozo consumía drogas só porque levaba un aro na orella e crían que eu dende que me vía con el tamén estaba enganchada, porque esa era a única explicación que lle encontraban as miñas continuas retiradas de diñeiro no banco. Pero a cousa estaba a chegar a un punto que non podía aturarse máis. Non verme co Guillerme era para min xa demasiado sacrificio. 

Acostumárame á súa presenza, ó seu sorriso, á súa voz; endexamais o pensara, pero dende que estabamos separados botábao moito en falla, caera na conta de que o precisaba, de que el era a ledicia dos meus amenceres, de que nesta etapa na que todo se volvían problemas, el era a miña solución, a comprensión e a axuda que necesitaba para facerlle fronte á realidade cruel de moitos días, e agora que levaba unha semana sen estar con el, comprendera que Guillerme era todo para min, que era máis que un amigo, que era a persoa coa que me gustaría pasar toda a vida; por iso, unha noite sincereime cos meus pais e conteilles todo o que pasaba coa Águeda e expliqueilles que os cartos que estaba a quitar eran para sufraga-lo gasto do aborto. Nun principio non me creron, pero a miña irmá confirmou o que eu lles dixera. Pedíronme perdón por pensar mal de min e prometéronme axudarme co da Águeda. Papá falou ás caladiñas cuns médicos, amigos del. 

----------

O mes de agosto estiraba as súas cálidas pernas e os seus brazos, tamén de fogo.
Chegara o día clave, o día no que Águeda se libraría da súa carga. Ela xa estaba no quirófano e os meus pais, esperaban nunha sala a conclusión da operación. Guillerme, miña irmá e eu tiveramos que esperar na casa, pois unha operación daquelas características, non podía ser de dominio público. A demora era abafante e a preocupación e mailos nervios tíñanme invadida. Por fin chamou meu pai e díxonos que todo saíra ben, que á mañá seguinte a rapaza xa podería irse para a casa, aínda que debería gardar uns días de repouso. Aledámonos, xa que os nosos plans non saíran mal pese a todo. Había que chamar por teléfono á nai de Águeda e contarlle unha mentira piadosa, dicíndolle que o estabamos a pasar moi ben na casa da miña avoa, en Ourense, onde finxíamos estar. Mais a miña sorpresa foi maiúscula cando ó outro lado da liña, unha muller nerviosa, intranquila, preguntoume como saíra todo, se Águeda estaba ben. Ante a miña resposta afirmativa, aínda que tamén nerviosa, a nai da moza rachou en bágoas, que eu imaxinaba oír avanzar polas súas meixelas. Entón comprendín que a señora sabía todo o que estaba a pasar naquel hospital. Sospeitei que o meu pai a puxera ó corrente dos feitos e así fora, probablemente porque todo aquilo non era un xogo e incluso a vida da mociña estivera en perigo. Grazas a Deus que todo saíra ben. 

Iria Calviño García. Ano 1996.


Escrito por Justo, el Sabado, 03 de Julio 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal