Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
FILLO DO MAR
certame

FILLO DO MAR

(1º premio na categoría A -14 a 17 anos. Ano 1995)

Naquel verán do oitenta, viaxei coa miña familia a unha cidade da costa galega. Metéuselle na cabeza ós meus pais que o mellor sitio para veranear era España. A verdade é que foi un antollo da miña nai que en realidade o único que quería era ser o centro de atención das súas amigas no inverno daquel ano, tras visitar o país de moda. Meu pai preparou todo o necesario para que a viaxe saíse ben e prometeu reunirse pronto con nós. De tódalas formas, isto era moi normal nel xa que por cuestións de negocios case nunca estaba na casa.

Non son o típico fillo único. Obedezo ós meus pais, pero non polo meu gusto na maioría das veces. Son sumiso por natureza e nunca se me ocorrera reprocharlles nada, nin intentar ser compracido por unha vez. Con doce anos debería ser escoitado e a miña opinión tería que valer de algo. Pero meus pais vivían única e exclusivamente para eles. A súa meta era quizais ascender socialmente e por iso eu non debía mesturarme con xente que nos desprestixiara.

Estes o moitos outros argumentos eran empregados pola miña nai cando me vía falar con algún rapaz da escola dos que os seus pais non eran da alta burguesía inglesa. Por isto, nunca cheguei a ter un bo amigo. Non son persoa con iniciativas que desobedece ou que actúa pola súa conta e risco. Son Jonny, un rapaz inglés que tiña moitas ganas de vivir, pero que aínda non sabía como.

Total que unha tarde fixemos a equipaxe e marchamos rapidamente. Eu, desde logo, non tiven que despedirme de ninguén porque, sinceramente, non tiña de quen facelo. Coma sempre, ós meus pais non lles interesou saber a miña opinión acerca da viaxe. Simplemente subimos miña nai e eu ó coche e o chofer ocupouse de levarnos ó aeroporto.

Cando chegamos a Vigo asusteime un pouco, sempre me deron medo as viaxes e naquela pareceume que a miña vida ía dar un xiro total. Respirei fondo, moi fondo. Un aire fresco encheu os meus débiles pulmóns danados polo fume urbano. O aeroporto era cativo. Recordo o seu nome, Peinador. Despois, un taxi levounos ata a casa que arrendaramos en Baiona. Ó percorrer a vila fixeime en moitos rapaces que vía pasar. Ningún deles se atopaba só e iso fíxome meditar.

Despois de desfacer a equipaxe, miña nai foi buscar novas amigas e eu quedei no cuarto pensando en que tiña dous meses por diante para coñecer aquel cativo lugar. Dous largos meses nos que posiblemente tería demasiado tempo para aburrirme. Mirei pola fiestra. A casa estaba xunto á praia. “Unha das mellores” dixera a miña nai. Vin pasear a moitas persoas pola area. Collín os prismáticos e nas rochas unha parella gozaba da súa intimidade, só perturbada polo voo próximo e pausado dunha das innumerables gaivotas que o limpo ceo sucaban. As ondas rompían suavemente na beira e na dourada area remataban a súa corta vida. O sol semellaba intentar calmar a súa sede no gran charco de sal e a súa alaranxada sombra crepuscular reflectíase nos meus prismáticos, impedíndome ver con claridade tan fermoso espectáculo.Pensei que tería que acostumarme a el. Aventureime a saír da casa. Todo era descoñecido para min e foi entón cando se me achegou un rapaz. Eu non estaba preparado para aquilo. O seu rostro moreno contrastaba co azul dos seus ollos e tiña as meixelas salpicadas por graciosas pecas. Sorriume e comezou a falar sen parar. ¡Nunca vira un mozo que falara tan atropeladamente!

Eu entendía bastante ben o español porque recibira un curso de comprensión en Inglaterra; o que non sabía era explicarme. Ademais, estaba bastante desconcertado e non podía articular ningunha verba. Entre o meu aspecto e a miña timidez, Iago, que así se chamaba o rapaz, comprendeu que eu non era español, pero iso non foi impedimento para que seguise falando sen parar ata chegar a atordirme.

Ofreceuse a ensinarme tódolos lugares que merecía a pena ver. Non puiden obxectar nada. Despois despediuse de min e quedou en que me recollería pola mañá. Sorriu e foise. Respirei fondo e entrei na casa. Fíxenme algo para cear e volvín ó meu cuarto. Miña nai aínda non chegara e non sei por que pero algo impulsoume a coller o meu caderno de español e comezar a estudar con ansiedade. Aquel foi o meu primeiro acto reflexo.

Á mañá seguinte non necesitei pedirlle permiso á miña nai para saír, pois ela xa non estaba na casa. Tomei o meu almorzo frío e saín. Iago xa me estaba a esperar. Antes de que comezara a falar, anticipeime e saudeino nun español bastante decente. El atopou aquilo moi lóxico, se soubese o que me custara aprendelo. Levoume correndo á praia e quitouse a roupa.

-¡Ei Jonny, non terás pensado bañarte vestido ¿verdade?

-E...non, vou agora.

-¡Veña! que non temos todo tempo. Haber se mañá traes unhas bermudas en vez dese ridículo pantalón ¿vale?

Eu non sabía que dicir. Primeiro desconcertoume a súa seguridade ó afirmar que nos veríamos á mañá seguinte e segundo ¿que tiñan de malo os meus pantalóns? Rematei de quitalos e tamén o resto da roupa. Entón dixo:

-Agora Jonny, a miña primeira lección para este verán, o derradeiro que chegue a auga, marica.

Botou a correr. Sen comprender moi ben aquilo de marica, saín detrás del o máis rápido que puiden, mais aínda que Iago levábame vantaxe, eu podía ganarlle, pois fora campión de atletismo no meu colexio. Sen embargo non o fixen; era o noso primeiro día xuntos e non quería esnaquizalo.

Ó chegar a auga, sentina cortante nas pernas, pero non era aquel intre para dar volta atrás. Precipiteime na crista dunha onda e ascendín á superficie. Non vin a Iago por ningunha parte, mais un tirón na miña perna fíxome espertar do letargo. Volvín ó fondo do mar tragando auga en abundancia; iso non foi impedimento para que Iago seguise mandándome abaixo con frecuencia. Pronto lle collín o truquillo e comecei a facer o mesmo. Extenuados saímos do mar. O meu novo amigo non tiña toalla e como o día estaba bastante fresco compartímo-la miña. Así, acurrucados os dous, permanecemos en silencio moito tempo. Logo, moi serio, o meu compañeiro preguntoume:

-Oe inglesiño, ¿queres que te axude a sorrir en español? Móvese a boca, pero sorrise cos ollos ¿sabes?

Dediqueille o meu primeiro sorriso español, un sorriso que saía de moi dentro. Pouco durou aquela paz. A buliciosa cabeza de Iago non podía estar en calma moito tempo, pois tiña moita semellanza co mar da súa terra, sempre imprevisible e sempre azul coma os seus ollos. Non tiven máis tempo para pensar, unha bola de area estrelouse contra a miña cabeza e inmediatamente outra fixo branco no meu peito. Armeime rapidamente con idéntica munición e disparei sen pensalo dúas veces. Foi o meu segundo acto reflexo.

Aquela mañá comezou unha amizade que se me antoxaba estraña. Cando nos dimos conta era a hora de xantar e despedímonos non sen antes quedar para a tarde. Ó chegar á casa miña nai preguntoume onde estivera e non lle mentín. Dixo que lle gustaría saber quenes eran os pais de Iago. Eu non o sabía, mais inventei calquera cousa. Mentín porque non quería que nada nin naide se entremetera entre el e máis eu. Mentín porque estaba comezando a contaxiarme, sen poder facer nada para evitalo, da vitalidade de Iago. Non, esta vez non cedería. Un pouco sorprendida pola miña reacción, tras decatarse de que eu mentira, miña nai puxo a comida e sentouse. Xantamos en silencio.

Tras recoller a mesa, ela desapareceu, mais non estiven moito tempo só pois pronto chegou Iago. Quedamos a falar un pouco antes de baixar á praia. Foi entón cando tivemos a nosa primeira conversa en serio. Faloume dos seus pais; o seu pai morrera. A súa nai traballaba moito para alimentalo a el e a Sabela, a súa irmá pequena. ¿Amigos? Porque non, estaban de vacacións. ¿Amigas? As rapazas eran para el todas unhas cursis. Logo tocoume o turno a min. Foi cómico, pois Iago non me entendía ben.

-Son inglés. Meu pai sempre en avión. Miña nai sempre fóra de casa. Non teño irmáns.

-¿Teu pai é un avión?

-Non Iago, é que viaxa moito.

-Non me chamo Iago, chámome Iago, e ademais, non teño a culpa de que non saibas falar ben ¿sabes? En vez de inglés, semellas indio.

Desta forma deu por rematada a nosa conversa.

--------------

Pasaron moitos días, hoxe é 29 de agosto. Iago veu buscarme. Traía dúas bicicletas. Como prometera, trouxo tamén unha mochila con bocadillos e fómonos ás calas. Mentres nos bañabamos díxenlle ó meu amigo que ó día seguinte iríame. Pensamos en escaparnos xuntos, pero pronto descartamos a tola idea.

-De todas formas -dixo-, isto tiña que pasar; se prometes volver todo irá ben.

Intentou darme folgos, mentres eu preguntábame: ¿volverémonos ver? Despois dun longo baño que nos abriu moito o apetito, xantamos sobre unha rocha da que estiven a punto de caer a causa dun pellizco dun cangrexo.

-Veña Jonny ¿aínda non te acostumaches a eles?

-É difícil acostumarse a algo tan molesto ¿non cres?

En realidade, eu cambiara moito desde o inverno. Dous meses en Baiona obraran en min unha transformación radical. O meu aspecto enfermizo pasara a presentar unhas cores sas nas meixelas e un corpo bronceado polo cálido sol. ¡Lástima que me saíran pecas como as de Iago! Xa non me servía a roupa que trouxera e ademais o meu amigo dicía que non era apropiada para un rapaz coma min.

Baixamos da rocha e fomos ó noso escondite secreto, onde as árbores e as rochas forman unha especie de simbiosis na que os primeiros proporcionan a sombra e as segundas humidade. Alí tiñamos a nosa cabana. Era nosa porque nós a descubriramos e porque ninguén máis a coñecía. Era nosa porque compartía fielmente tódolos nosos segredos. Alí iamos rir, chorar, discutir e a face-las paces.

Aquel verán deunos tempo para divertirnos moito e aburrirnos pouco; para andar en bicicleta, nadar, etc., pero cada día aínda que fixeramos exactamente o mesmo, era moi distinto ó anterior. Cada día que pasaba fortalecíase a nosa amizade, os dous tan distintos, pero tamén tan iguais. Xuntos superamos os inconvenientes de tipo familiar, a inestabilidade do tempo, o idioma, etc.

Aquel 29 de agosto, a cabana foi testemuña de meu cumpreanos, alí o celebramos. Na miña casa non se lembraran. Aforrara algo e merquei unha pequena tarta. Iago preguntoume se me daba as felicidades en inglés ou en español. Non dubidei en contestarlle:

-Ben Iago, este momento e este verán pertencen a España.

-E dálle con chamarme Iago. ¡Felicidades!

Entregoume un paquete, dicindo:

-Síntoo, non tiña cartos.

-¡Oh, Iago, eu...!

Abrino, unha tarxeta dicía a modo de introdución: “Para o meu inglés favorito, espero que te lembres de min. Felicidades”. O agasallo, que aínda conservo, era a caracola máis grande que nunca vira.

-Jonny, ti iraste, pero cando poñas o teu oído nesa caracola lembrarasme e lembrarás este mar que tanto queremos.

Despois abrazámonos. Iago, meu amigo, o meu único amigo choraba; eu tampouco podía conte-las miñas bágoas. Tiña trece anos e sen embargo semellaba que remataba de nacer. En realidade, eramos fillos do mar.

Collemos as bicicletas e fomos cara a casa. Chegaba o momento da despedida. Pedaleamos en silencio, un a carón do outro. Baixamos das bicis. A miña nai dicíame que entrara na casa. Tiña ganas de mandala a... Non quería que me escachase aquel intre. Coa caracola na man e un pano na outra mirei a Iago. Sorría. As bágoas nubrábanme os ollos, chegara o intre. Volvémonos abrazar e correndo entrei na casa. Xusto antes, na porta, griteille:

-Iago, o último que chegue é marica.

--------------

Chegoume hoxe unha carta del. Este verán ímonos xuntar outra vez. Agora teño quince anos e os meus pais xa me fan máis caso. Poño aínda a caracola no oído e recordo. Despois de todo son un fillo do mar.

Olalla Nóvoa Rodríguez. Ano 1995.


Escrito por Justo, el Sabado, 03 de Julio 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal