Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
MICIFÚ, O GATO NAMORADO DA LÚA
certame

MICIFÚ, O GATO NAMORADO DA LÚA

(1º premio na categoría A -14 a 17 anos-. Ano 1994)

Introdución.

Moitas veces facémonos preguntas sobre fenómenos habituais como ¿por que cando chega a noite a cor desaparece e todo se volve escuro?, ¿que é unha estrela fugaz?, ¿de que é capaz o amor? ou ¿por que a lúa, tan redonda, mingua?

Todas esas preguntas teñen unha resposta nesta historia e a esta última xa vos vou responder agora, ¿ou é que non sabiades que cando a lúa semella un anaco de laranxa é porque chisca un ollo?


Micifú, o gato namorado da lúa.

Era un pobo corrente coma calquera outro, cos seus paisanos, rapaces, bosques, animais... Era un pobo con lúa, un pobo que cada noite escoitaba os murmurios dos namorados, os soños dos nenos e os queixumes dun gato.

Seguramente preguntarédesvos a razón de por que só era un gato o que xemía. Pois ben, todos sabemos que cando chega a noite os gatos reúnense nos tellados e probablemente falan dos seus problemas cotiáns (de como lles foi o día, de que se hai escaseza de sardiña, de que hoxe en día coa polución o ceo xa non é tan fermoso como hai anos, etc.). Mais resulta que o gato da nosa historia no era un minino normal, non era coma os demais.

Tódalas noites mentres os outros se reunían, el quedábase só no tellado contemplando a lúa e chorando polo seu amor, que era imposible, porque Micifú, que así se chamaba, estaba prendado nin máis nin menos que da lúa. Este amor xurdira tempo atrás, cando ela, que sempre tiña o seu gran ollo pechado, chiscárallo un bo día. Micifú quería alcanzar a lúa para darlle un gran bico; quería que o amor por ela o enchese, pero por máis que o intentaba non sacaba resultado algún e ben sabía que no seu corazón de felino non podería xamais expresar un sentimento tan profundo; xamais podería poñer a alma nunha fermosa verba de amor, só uns cantos xemidos lastimeiros entre lusco e fusco. Por iso ó observar o seu entorno, decatouse de que só o corazón humano pode querer desesperadamente, cometer loucuras, facer xurdir e conservar o amor no peito como se de un caravel se tratara.

Despois de meditar na posible solución, creu ter unha boa idea.

-¡Xa está! Direille a un home que me dea un anaquiño do seu corazón e así verei realizado o meu soño.

Foi primeiro á casa do panadeiro. Petou: ¡toc!, ¡toc! Logo dixo: ¡miau!, ¡miau! O panadeiro mirouno e con cara sorrinte como dando a coñecer que sabía o que o gato lle ía a pedir, díxolle:

-¡Ai, pillín, agarda un intre que agora mesmo che traio un anaco de pan!

Antes de que voltara, sen desanimarse, Micifú decidiu probar sorte na casa da leiteira. Petou: ¡toc!, ¡toc! Logo dixo: ¡miau!, ¡miau! A leiteira observouno moi seria e díxolle:

-¡Síntoo gatiño, vés tarde, xa non me queda nin unha pinga de leite para darche!

Micifú marchouse, mais non se desanimou e percorreu todas as casas do pobo, á da lavandeira, a do carteiro, a do ferreiro, etc., pero non conseguiu nada. Só quería un anaquiño de corazón humano. Preguntábase: “¿Serei tan difícil de entender? Triste, pero aínda cun chisco de esperanza, saíu do pobo e decidiu percorrer o mundo en busca do que quería. Un día encontrouse con dous namorados. Meditou: “Estes si que poderán axudarme. Véselles tan cheos de amor”. Mais dixéronlle:

-Non podemos axudarche, porque non nos sobra amor, todo nos fai falla.

Así que botouse a camiñar e o fixo durante anos ata que un bo día foi a parar diante da casa dun gran mago, que abríndolle a porta, comentoulle:

-Ben sei o que andas a buscar Micifú, sinto dicirche que ningún dos meus conxuros poden valerche, mais sei de alguén que si podería...

-¿Quen?- preguntou o gato inquedo- Interroguei a reis e a mendigos, a sabios e a torpes, xamais conseguín nada. ¿Quen poderá ser, pois?

-Debes buscar a un poeta- insinuou o mago

-¡Un poeta!- abraiouse Micifú, descoñecendo o que era un poeta.

-¿Non sabes que é un poeta? Entón como te explicas que ó chegar a noite todo perda a cor. O poeta absorbe toda a beleza de cores que brinda a paisaxe durante o día para poder introducila na súa poesía mentres escribe pola noite. Senón, ¿como podería expresar a primavera ou un profundo sentimento en tan poucas palabras? Asegúroche que ninguén coma el posúe unha imaxinación tan poderosa; só el é capaz de baixar a lúa á terra e pór no seu lugar un queixo, ou de soster o Universo enteiro nun só dedo das súas mans.

-¿Como recoñecerei ó poeta?- preguntou o gato moi nervioso.

-Cando o vexas, todo no teu corpo che comunicará que atopaches á persoa que andas a buscar- sentenciou o mago.

Micifú empezou a buscar desesperadamente un poeta polos pobos. Un día viu saír dunha bufarda máis cores das que posúe o arco da vella. Choutando polos tellados chegou a aquela casa e púxose a mirar pola ventá. Tiña os pelos erizados porque algo dentro del dicíalle que estaba na casa do poeta. Pensaba explicarlle o que quería, mais antes de que puidese mover os beizos, un home colleuno coas súas mans e introduciuno nunha das súas poesías, nunha que falaba dun cabalo alado que percorría o Universo e que por tanto era moi capaz de ir ata a lúa.

Era a primeira vez que o metían nun poema e alí, algo asustado, pasou toda a noite dentro da folla de papel. Ó chegar o amencer, sen dicir palabra, o poeta, acariñoulle o lombo e entregoulle o anaquiño vermello e vivo que el buscaba. Micifú mirouno coa faciana leda e resplandecéndolle os ollos botou a correr cara o seu pobo. Ó chegar, subiu ó tellado e agardou a noite. Cando a lúa se achegou á ventá do ceo, o gato comezou a recitar as máis fermosas poesías de amor que xamais se escoitaran. Entón a lúa, emocionada, estendeulle unha man a Micifú. El, sen pensalo dúas veces, choutou cara ela, mentres esta novamente lle chiscaba o seu ollo xigante.

Á mañá seguinte, a xente do pobo amontoouse en torno ós restos do corpo sen vida de Micifú. ¡Pobre animal! pensaron. Non sabían que lograra o seu propósito e que no chan só estaba o seu corpo de felino, xa que o seu novo corazón de poeta moraba nas entrañas infinitas do ceo, ó lado da súa amada, a lúa.

Agora xa todos entenderedes que cando a lúa chisca un ollo, cousa que fai á miúdo, é porque pasa ó seu carón unha leda estreliña fugaz, formada pola alma e o corazón de poeta de Micifú, o gato namorado que segue eternamente declarándolle o seu amor.

Elena Castro Rodríguez. Ano 1994.



Escrito por Justo, el Sabado, 03 de Julio 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal