Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
UN DÍA DE PESCA NO ENCORO DE CASTRELO DE MIÑO
certame

UN DÍA DE PESCA NO ENCORO DE CASTRELO DE MIÑO

(1º Premio na categoría infantil. Ano 1992) 

Púxenme tola de ledicia cando meu pai despois de cear díxome unha noite: 

-Prepárate que mañá iremos de pesca. 

A penas durmín, pois a min ademais de gustarme pescar, compráceme moito tamén estar todo un día ó contacto coa natureza. 

Case era de noite cando nos erguemos do leito e collémo-la cesta da comida e os aparellos e metémolos no coche. Pregunteille a meu pai a onde iamos. 

-A Castrelo- respondeu. 

Sería sobre as oito cando chegamos. Baixando polo monte ata a postura de pesca que papá escollera, tivemos tempo aínda de escoita-los doces trinos do merlo, do pardal e do melodioso xílgaro. O merlo coa súa plumaxe moura e o seu peteiro amarelo non semellara asustarse de nós. 

Na beira do río, abrímo-las cañas; puxémo-lo cebo no anzol e botámolo á auga; pronto baixou o meu flotador, mais eu atopábame distraída ollando cara o ceo e observando o baile tolo das gaivotas. 

Díxome papá: 

-Atende á caña; non ves que che baixou o flotador. 

Tirei con forza e saquei unha boga que avultaba menos co meu dedo maimiño. Díxome rindo meu pai: 

-¡Colliches un bo cágado! 

Anoxeime un pouco, pois o que eu pescara era un peixe e non unha ra. Nese momento descendeu bruscamente a boia da caña de papá. El deu un tirón e recolleu sedala. Logo, unha fermosa troita de pintiñas vermellas foi arrastrada ata os nosos pés, mais cando quixo erguela, ceibouse do anzol e fuxiu. Entristecémonos. Contoume meu pai: 

-Escorréuseme coma unha anguía. 

Paseniño fomos metendo pezas na cesta. Cando xa tiñamos nela varias bogas, algún blask-bass e moitos ciprínidos vin voando dous paxaros moi grandes que me chamaron a atención. Preguntei que eran. Respondeume: 

-¿A ti que che parecen? 

-A min, cegoñas. 

-Quizais, mais seguramente sexan garzas. 

A media mañá paramos de pescar para toma-lo bocadillo. Estaba apetitoso dabondo. Dentro do bolo, a miña nai puxera un saboroso filete de rubia galega. Mentres comiamos, papá explicoume que naqueles montes da beira do encoro vivían lebres, coellos, esquíos, raposos, teixugos, doniñas, garduñas, xinetas e ata gatos monteses; que naqueles prados pacían cabalos, eguas, burros, mulas, ovellas, cabras e vacas cos seus becerros xoguetóns. Contoume que co seus amigos cazara naquelas ladeiras perdices, pombos, patos, algún paspallás e ata unha vez abatera un xabaril. 

Estabamos con esa conversa cando un paxaro cruzou rapidísimo, voando a poucos centímetros da auga; era un paxaro de vivísimas cores, que eu endexamais vira. Díxome papá que se trataba do picapeixe, que tiña un bico longo e afiado para captura-los peixes. Riu papá afirmando: 

-Dende logo é moito mellor pescador ca nós. 

Tiñámo-la cesta na beira do río e a suave corrente das augas refrescaba ós peixes que se atopaban no seu interior. Foi entón cando vin que preto dela estaba a nadar lentamente unha serpe, como querendo entrar para come-los peixes. Berrei abraiada: 

-¡Papá, unha víbora! 

-Non berres, medicas, que non é unha víbora, é só unha cóbrega da auga. 

Retirou a cesta do sitio onde estaba. Achegueime máis ó río para poder pescar mellor e observei case debaixo miña dúas grandes ratas que se movían entre a auga e os terróns da beira. Comentei a diferenza de tamaño que había entre elas e os ratiños dos eidos. 

-Pásalles igual cos xogadores de baloncesto comparados contigo -respondeu o meu pai. 

Cara o monte podíase ollar unha frenética actividade de animais: o gabián voando lento e moi arriba, corvos e pegas que aparecían e desaparecían na ladeira, bandadas de estorniños que andaban á carreira dun lugar para outro, elegantes bolboretas bailando sobre as herbas. De cando en vez, pasaba un avión coma un lóstrego entre as árbores. Completaban aquel máxico momento o ruído do pitorrei picando na madeira nalgún escondido lugar do bosque, algún gaio afónico e a aparición dunha fermosísima bubela lucindo a súa coroa de moza punk. 

Mais achegados a nós, sobre os xuncos, toleaban milleiros de mosquitos multicolores e algún cabalo do demo. Probablemente acochadas entre eles, estivesen as ras, as salamántigas e ata algún sapo engurrado e gordo. Mais aló, seguindo a beira do río cara abaixo, existía unha zona de calvos penedos, paraíso seguro de serpes e lagartixas, como de alacráns, arañas e outros invertebrados. Probablemente naquel intre, os lagartos andaran á procura de saltóns, avésporas, grilos, abellas, moscas e outros insectos. 

Coa forza do sol, pinchábannos os tabáns causándonos algunhas molestias. Pasou cerquiña da postura unha pita de auga. A tarde facíase agora insoportable. Un formigueiro case nos nosos pés mostrábanos numerosas formigas que andaban apuradas en tódalas direccións. Como son tan distraída, esquecinme da boia e dediqueime a observación dos bichiños. Carretaban sementes para a súa cova, tamén escaravellos, piollos, cempés e ata unha chicharra morta. Despracei co pé unha pedra e apareceu unha cadela de frade. Quíxena coller para botarlla ás formigas, pero fuxiu. A verdade é que non pesquei un peixe en toda a tarde, pero ó menos o meu pai puido facelo tranquilamente. 

Ó serán recollémo-las cañas e camiñamos cara o coche. O monte era entón unha festa de vida e entusiasmo. Os vencellos e as andoriñas voando por todos os lados, os torpes mexengros de cepa en cepa, os áxiles rubideiros ascendendo polos troncos, un paporrubio ollándonos con curiosidade. No muro do camiño vin unha bola de musgo cun burato no medio. Quíxena coller, mais impediumo meu pai dicindo que era un niño de carriza e que dentro quizais houbera uns ovos ou unhas crías. Do piñeiral chegábanos o canto monótono das rolas e mailo cuco. 

Pasámo-los eidos, acabados de regar. As lavandeiras escarvaban na terra á procura de bichos cos que alimentarse. Polos regos do chan terra húmido aínda se vían caracois e babosas. Ás veces esa terra aparecía levantada, papá dixo que era a toupeira que estaba a busca-la súa mantenza. 

Facíase xa de noite cando chegamos ó coche. Recollíanse os pardaos e aparecían os morcegos. Sen que o meu pai o soubese, eu levaba nun bote cunha pouca auga, varios zapateiros que me custara ben traballo collelos. Moi lonxe, cara as fragas de Toén oíanse oulea-los lobos. Estremecín co medo. Papá argumentou que eu tiña moita inventiva, pois seguramente só fosen cans. 

Arrancou o coche; eu ía moi cansa e quedei durmida. ¡Que cousas! Cando eu empezaba a soñar, abríase a vida para moitos animais que espertaban a aquelas horas, coma os mouchos, as curuxas, as esfinxes, os ourizos cacheiros, os ratos, os cervos voadores, os sapos e as fosforescentes lucernas. 

Iria Calviño García. 1992.


Escrito por Justo, el Viernes, 02 de Julio 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal