Noticias

   
 

 

Esta página se actualiza periodicamente con las noticias relacionadas con el Certame Literario de Piñor.

Te recomendamos que visites esta sección si quieres estar puntualmente informado.

 
Presentación Presentacion
Escuela de Música
Banda de Música
Charanga dos Escachapeitos
Majorettes de Ourense
Corales
Rondallas
Bandas y Grupos De Gaitas
Otros Grupos
Noticias
Galería de Fotos
Consultar actuaciones
Descargas
Enlaces
 
O CERTAME LITERARIO DE PIÑOR
certame

O CERTAME LITERARIO DE PIÑOR

Este certame naceu no ano 1992 grazas ó interese que naquel intre puxemos uns cantos veciños de San Lourenzo de Piñor, que formabamos a xunta directiva dun colectivo modesto, pero moi sensibilizado coa dinamización educativa e cultural dos máis novos, ó obxecto de afastalos doutras liñas de desenvolvemento do ocio, evidentemente perigosas ou como mínimo, en indubidables posicións de risco. Por iso optamos por traer á localidade a música, o deporte, os xogos tradicionais, o Entroido e a literatura. Esta última potenciámola tanto dende a lectura, creando unha pequena biblioteca pública; como dende a creación, ideando e promovendo o certame. De sobras sabiamos que dese xeito tamén estabamos a contribuír na tarefa colectiva de facer cada día máis grande o noso idioma.

Agora, vinte anos despois, algúns seguimos coa mesma ilusión do primeiro día, aínda que dos que xa non están, hai que aclarar que varios o fixeron por razóns da idade, outros por motivos de traballo ou residencia e outros porque o destino cruel quixo que nos deixasen definitivamente, como foi o caso de Jacinta, Roquiño e María José, inmellorables colaboradores que sempre estarán na nosa lembranza.

Edición tras edición foron sumándose entidades á nosa iniciativa. Con esas valiosas axudas e a boa aceptación do certame por parte de varios profesores dalgúns colexios galegos, así como dos seus alumnos, conseguimos consolidar esta actividade cultural da que hoxe nos sentimos orgullosos e esperanzados en que siga a medrar cada ano en calidade, participación e importancia. Dende a primeira edición na que participaron 31 rapaces, exclusivamente dos concellos ourensáns de Barbadás e Toén, avanzouse moito en diversos aspectos básicos para o futuro deste entrañable evento, recibíndose na actualidade case douscentos traballos de toda Galicia e tendo nas últimas convocatorias gañado o certame, participantes das súas catro provincias.

¿Quen pode negar agora que ó mellor os galegos do mañá non celebrarán un día das nosas Letras, dedicado a un escritor que de rapaz presentase quizais un conto ó noso certame? ¿Quen podería negar, nese caso, que ó mellor fomos nós os que puxemos a semente da motivación literaria naquel corazón de neno? Se así fora, todo o esforzo destes vinte anos e máis dos vindeiros, ben tería merecido a pena.

E xa que ás nosas letras nos estamos a referir, reivindicamos unha vez máis que a Real Academia Galega, nalgún dos próximos anos repare no noso escritor local máis insigne, Alberto García Ferreiro (1860 - 1902), avogado e xornalista natural de Sobrado do Bispo, de onde era a súa nai.

Alberto fundou e dirixiu varias publicacións e cultivou diversos xéneros literarios. A súa produción en galego abarca as obras “Volvoretas” (Ourense 1887); “Chorimas” (A Coruña, 1890); “Lenda de Groria” (A Coruña, 1891), que foi primeiro premio do Certame Literario do Liceo Brigantino da cidade herculina; e “Follas de papel” (Madrid, 1892). A súa produción en castelán comprende ademais de numerosos artigos periodísticos, o drama “Luchar por la patria”, o poemario “Gritos del alma” e unha disertación sobre Garcilaso de la Vega e a súa obra. Xunto con Vicente Nomdedeu, foi Alberto o artífice da iniciativa e consecución da magnífica estatua de bronce que a cidade de Ourense dedicou a Concepción Arenal.

Couceiro Freijomil, no seu traballo “El idioma gallego”, encadrado na enciclopedia Geografía del Reino de Galicia, considera que a obra de García Ferreiro “abunda en imágenes atrevidas y nuevas y contiene trozos descriptivos merecedores de mayor estimación”. Vicente Risco o cualifica como “un gran periodista y orador, y uno de los poetas más inspirados de su tiempo”. Blanco García na súa obra “La literatura española en el siglo XIX”, fai a seguinte reseña sobre o noso poeta: “La especie de obsesión que padece García Ferreiro, moviéndole a pelear con la fiera ultramontana y los poderes tiránicos, le obliga a incurrir en las más curiosas atrocidades, de sabor genuinamente progresista, como el regocijarse con la esperanza del día en que sean apedreados los cuervos, el decir con mucha formalidad a Feijóo que le perdona la culpa de haber sido fraile y el contar entre la gente que transita por las calles de Madrid en las primeras horas de la mañana, -madrugadoras beatas, cregos e burras de leite-”. De “Lenda de Groria”, canto épico escrito en 47 octavas reais, que conmemora as fazañas levadas a cabo en 1589 durante a defensa da Coruña contra o ataque das tropas inglesas de Drake, di Carballo Calero que “a versificación é robusta, o ton grandilocuente, non gongorino, senón máis ben victorhuguesco, máis romántico que barroco no atrevemento da imaxe”. Serán Leopoldo Pereira e o mesmo Ricardo Carballo Calero, sen embargo, os que critiquen con inusitada dureza o seu xeito de escribir.

A localidade de Sobrado do Bispo serve de fondo a moitos dos seus poemas. A súa poesía é vigorosa, basicamente cívica e descritiva, impregnada de progresismo e dunha sátira dura e elocuente.

O Certame Literario de Piñor enmárcase dentro da programación das Xornadas de exaltación das Letras e a Música de Galicia, que cada ano polos meses de maio e xuño levan a cabo as asociacións Xoves Amigos do Concello e Música e Cultura de Galicia. Só nos resta agradece-lo seu apoio a tódalas institucións públicas que nestes vinte anos colaboraron connosco, cunha mención moi especial á Deputación Provincial de Ourense, representada polo seu presidente, José Luis Baltar Pumar, de quen tanta axuda recibimos. Darlle as grazas así mesmo ós colexios, institutos e universidades que tiveron a ben colaborar. Por suposto, subliñar tamén a noso especial agradecemento a tódolos escritores participantes, así como a merecida felicitación e recoñecemento ós numerosos premiados. Pola nosa parte, cremos un deber inescusable deixar constancia nesta introducción da nosa firme predisposición a seguir traballando intensamente por este certame e a mante-la aposta de intentar que medre en cada edición que se leve a cabo.

Justo Calviño Cruz, responsable da organización do Certame Literario de Piñor (Barbadás).


Escrito por Justo, el Viernes, 02 de Julio 2010
Regreso
Print this Page

Enviar a un amigo

 

 

 

 
Musica

Copyright ©2003-2007 IBERSERVERS - Bienvenida -
Aviso Legal