| |
Ó LORO
noticias
|
|
|
|
Ó LORO
(Nota da directiva da asociación que se lle fixo chegar ós socios no transcurso da asemblea anual celebrada o sábado, 24 de abril de 2010)
Dada a vital importancia que teñen as subvencións na vida e futuro da nosa agrupación, non nos parece de recibo, nin tan sequera honrado, que un dos grupos políticos da oposición na Deputación Provincial estea por sistema criticando e obstaculizando as subvencións que se nos conceden, así coma o noso labor social, educativo e cultural, sobre todo porque non se lle pode achacar ignorancia da nosa traxectoria, pois a coñecen perfectamente e saben que os nosos programas e proxectos, ademais de innovadores, laboriosos e francamente efectivos, contan coa participación de moita xente, o que non autoriza a pensar, e menos a falar negativamente sobre nós a ninguén que teña unha visión medianamente obxectiva.
Máis de 300 alumnos e músicos de 14 concellos distintos, 11 postos de traballo, unha chea de actividades ó longo do ano, algunhas delas practicamente únicas, ou cando menos distintas a nivel provincial e galego, non nos permite consentirlle a ninguén que faga públicas as impresentables críticas que cada certo tempo deixan caer soamente con afán destrutivo e subxectivo ánimo político.
Por outra banda, a tódalas autoridades públicas que ó longo da nosa existencia se achegaron polas nosas escolas de música ou polos nosos actos, témolas tratado sen excepción coa debida atención e con magnífico respecto. Só esiximos, por tanto, o mesmo trato coa nosa institución, co noso labor e coa nosa xente.
Polo demais poden os diferentes grupos políticos –e moi especialmente o aludido- estar tranquilos, xa que sempre respectamos absolutamente as diferentes sensibilidades –incluso as ideolóxicas- que poidan existir no seo do noso colectivo. É máis, considerámolas enriquecedoras. Outra cousa é que alguén pretenda facernos comungar con rodas de muíño, porque esa xa sería outra historia.
|
|
|
|
|