Sr. Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, D. Jesús Vázquez;
Sr. Presidente da Deputación, D. José Luís Baltar;
Sr. Vicepresidente do Parlamento de Galicia, D. José Manuel Baltar;
Sr. Rosendo Fernández, deputado do Parlamento de Galicia;
Sres. Alcaldes, tenentes de alcalde e concelleiros presentes nesta velada de exaltación da cultura que o pobo leva a cabo a través das súas manifestacións máis fecundas, diversas e próximas, que no son outras que as xurdidas das agrupacións de índole social, como a que hoxe ten o gusto de recibilos neste magnífico teatro;
Sres. directivos, socios e amigos da asociación Música e Cultura de Galicia, boas noites.
É para a nós un inmenso honor, D. Jesús Vázquez, contar por primeira vez nun dos nosos actos coa presenza dun conselleiro da Xunta de Galicia. Constitúe sen dúbida o feito de estar vostede hoxe connosco un importante folgo de ánimo para os centos de rapaces, socios e directivos que constituímo-la nosa humilde, pero moi querida e importante agrupación.
O que a continuación imos ver e escoitar, probablemente non sexa unha exhibición de virtuosismo, pois as idades dos participantes e os medios económicos e técnicos cos que contamos non nos permiten traballar a ese nivel, pero vai ser seguro un loable exercicio de responsabilidade e dedicación a moi curtas idades a unha arte, a música, que en realidade esixe un esforzo e interese nada desprezables.
Naceu Música e Cultura de Galicia cunha vocación basicamente cultural; aí están os dez colectivos musicais que forman parte dela e que levan o seu bo facer por tódolos cantos da xeografía peninsular; aí están, entre outras moitas actividades, as xornadas de exaltación das letras e a música de Galicia, co certame literario de Piñor como estrela, que xa vai pola súa dezanove convocatoria; aí está a festa da música popular, camiñando xa pola súa terceira edición; pero é sen dúbida no eido educativo onde contamos con maior presenza e importancia.
297 persoas compoñen actualmente a escola de música que temos na Farixa ó servizo da cidadanía, recibindo alumnos de 15 concellos da nosa provincia. Participamos tamén nos proxectos educativos dos concellos de San Cibrao das Viñas e Baños de Molgas, así como doutras localidades importantes como Piñor, A Valenzá ou Maceda.
Mais esta asociación que semella tan asentada, veríase moi diminuída na súa capacidade operativa sen a debida axuda das institucións autonómicas, provinciais e locais pertinentes. Música e Cultura de Galicia ten traballado arreo para demostrar que ben merece a confianza e o apoio dos organismos públicos da Comunidade.
Permítaseme por último, traslada-lo sentir da directiva e profesorado da nosa agrupación con respecto a este festival de Nadal, e que non é outro que dedicarlle o mesmo a don José Luís Baltar, durante tantos anos o noso principal valedor, o noso refuxio cando as cousas viñan mal dadas e o noso mellor animador e publicista cando había que botarnos unha man. Grazas Presidente polo teu incuestionable apoio, pola túa importantísima colaboración e polo teu impagable cariño. Grazas amigas e amigos polo voso ininterrompido ánimo durante todos estes anos; tamén grazas ós directivos, profesores, responsables de grupos e por suposto ó director da escola de música, por teren comprendido e asumido tan ben a filosofía do noso proxecto; grazas a tódalas autoridades pola súa presenza nesta velada, especialmente a vostede, don Jesús Vázquez. Deixos xa co noso festival. Agardo que se divirtan.
