Ás 21 h., no IES da Farixa e coa asistencia da maioría dos compoñentes da directiva así como dalgúns integrantes da asociación que quixeron acompañarnos durante a reunión, e logo de recibi-la benvida por parte de don Miguel Reza, director do IES da Farixa -centro onde se sitúa a nosa escola de música-, tratouse en primeiro lugar o estado de contas da asociación, así coma os conceptos pendentes de pago e as subvencións pendentes de cobro.
Sobre o curso 2009/10 que imos iniciar na escola de música, detallouse que este abarcará dende o 11 de setembro de 2009 ó 26 de xuño do 2010, encadrándose en dous períodos de cinco meses. A matrícula do curso, pagarase en dúas veces, coincidindo co inicio de cada período, ou sexa en setembro de 2009 e febreiro de 2010.Os pagos por períodos menores a 3 meses veranse reducidos nun 50% do custe normal do período.
Os listados de firmas de entrada e saída dos profesores, estarán na mesa de entrada ó Instituto, baixo a custodia do noso persoal administrativo.
A continuación determinouse que a II Festa da música popular, levarémola a cabo durante a tarde do domingo, 27 de outubro de 2009, en San Lourenzo de Piñor, actuando nela o grupo de cantareiras da asociación, a banda das escolas de gaitas de Piñor e Baños de Molgas e a banda de música das escolas de música da Farixa e San Cibrao das Viñas.
Tratáronse por último varios puntos que ante as dúbidas que suscitan, convén telos moi claros no obxectivo de facer cada día unha agrupación máis dinámica, unida e transparente:
*A información. Pese a tódolos esforzos que se fan e sen ánimo de buscar culpables, vense observando que a información na nosa asociación non chega con claridade ós diferentes socios e músicos. O presidente pídelle unha vez máis a debida colaboración nese senso ós directivos, ó director e ós profesores. A información debe ser clara e concisa, para que sexa adecuadamente recibida polos socios. Recórdase tamén que hai xeitos legais e foros de debate de ideas perfectamente establecidos no seo da asociación. As ideas propóñense e os acordos tómanse nas asembleas de socios, nas reunións da Xunta Directiva e no despacho do presidente da asociación. Acórdase tamén colgar na web da asociación un resumo dos puntos tratados e acordos adoptados nas diversas reunións que se leven a cabo tanto pola directiva como pola asemblea de socios.
*A convivencia. O principio fundamental de convivencia e de desenvolvemento dos socios dentro da asociación, está formado pola educación, a tolerancia e o respecto nas dúas direccións, tanto na liña ascendente, coma na descendente. Debemos redobrar esforzos neste punto. O perda do respecto e o non saber onde está cada quen e o que representa, é o que sempre acaba por rematar socialmente coa xente e cos colectivos.
*Importancia da banda de música e doutras seccións musicais. Nesta asociación, a banda e tódalas seccións musicais son moi importantes, pero ningunha delas é demasiado importante. Non pode haber privilexios específicos nin para ningún grupo da asociación, nin para ningún membro.
*Expulsión de socios. Soamente a directiva por acordo maioritario e razoado; e coa ratificación posterior da asemblea, pode botar a un socio, sexa músico ou non da asociación ou dos colectivos que forman parte dela.
*Actuacións musicais Lémbraselle ós músicos da nosa asociación a importancia de asistir ás actuacións e de cumprir nelas correctamente co seu cometido, pois calquera vulneración destes principios traería ó colectivo importantes problemas como preitos xudiciais, perda de subvencións ou eliminación de convenios.
Logo de diversas intervencións por parte da maioría dos asistentes, pechouse a reunión ás 23:50 h.