Excmo. Sr. Conselleiro de Cultura e Turismo (D. Roberto Varela)
San Caetano S/Nº 15781 - Santiago de Compostela
A Federación Galega de Bandas de Música representa a 92 bandas de música populares e actúa como coordinadora para o desenvolvemento e administración de información, promoción educativa e divulgativa da labor das bandas, así como de organización de cursos, festivais, certames ou intercambios entre bandas tanto galegas, coma do resto de España, ou do estranxeiro. Conta cun movemento asociativo cunha forte implantación ó longo das comarcas de Galicia. Non esqueza vostede que as Bandas de Música forman parte indispensable dende hai máis de 150 anos, da nosa cultura, costumes e manifestacións sociais.
Dende a FGBMP foron moitas as actividades que nos últimos anos se puideron desenvolver, grazas a aposta e apoio da Consellería de Cultura:
- I e II Certame Galego de Bandas de Música, que se desenvolveu nos anos 2007 e 2008, no Auditorio de Galicia, en Compostela.
- Concurso de Composición para bandas de música e sección sinfónica.
- Concertos da Banda Sinfónica da Federación dentro e fora de Galicia.
- Cursos para os instrumentistas e directivos das bandas de música.
- Apoio económico para que as propias bandas puidesen realizar os seus festivais sendo partícipes da dinamización cultural a nivel local dentro dos seus municipios.
- Apoio para a participación das bandas en certames competitivos no exterior.
Entendemos que os dirixentes dese Departamento deberan facer o esforzo necesario para que todas e cada unha das actividades anteriores non desapareza, xa que para as bandas foi importantísimo conseguir ese nivel de apoio e é fundamental conservalo para que A CULTURA NO NOSO PAÍS NON RETROCEDA.
Dende a BANDA DE MÚSICA DO CONCELLO DE BARBADÁS queremos facerlle chegar o noso desacordo coas ofertas da Consellería para o 2009 en materia de bandas de música populares, que no noso caso particular, nos fixeron perder no presente ano a valiosa axuda que a Consellería de Cultura lle concedía ás bandas participantes en prestixiosos festivais do Exterior, dado que rematamos de participar sen axuda institucional, a comezos de xullo, no 123 Certame Internacional Cidade de Valencia; como perder tamén a axuda que regularmente se nos concedía pola organización do noso propio festival a nivel local.
As bandas de música populares de Galicia nútrense de xente nova, que traballan día a día por mellorar a súa formación e que coa participación das institucións públicas deben seguir podendo participar nos proxectos musicais que sexan apropiados para a súa formación e motivo de orgullo para os cidadáns galegos.
Pero para todo iso, esa Consellería deberá ser impulsora e tamén PATROCINADORA da cultura en todas as vertentes que ten Galicia e que tamén debe exteriorizarse fóra da nosa Comunidade Autónoma. Miles de persoas xiran cada día en torno ás bandas de música populares. Familias, amizades, alumnado, profesorado, músicos e público dos centos de eventos que se celebran. Todos eles senten as bandas como un patrimonio que hai que coidar con moita atención. A función social e dinamizadora que cumpren as bandas debe ser apoiada dende o Goberno Galego como unha prioridade na nosa cultura.
Trasladándolle o parecer da Xunta Rectora da BANDA DE MÚSICA DO CONCELLO DE BARBADÁS, solicítolle que reconsidere a postura do máis que preocupante recorte orzamentario e someta de novo a estudo tódolos proxectos postos en marcha tanto pola FGBMP, como polas propias bandas de música, enumerados anteriormente neste escrito.
Quedo por suposto á súa disposición.
Barbadás, 6 de agosto de 2009 O presidente da A. C. Música e Cultura de Galicia.