A banda de música do concello de Barbadás, da asociación cultural Música e Cultura de Galicia, participará xunto con outros 23 colectivos musicais europeos, no prestixioso certame de bandas de música que organiza o Concello de Valencia e que no presente ano chega a súa 123 edición. ¡Case nada!
O certame levarase a cabo entre o 4 e o 11 de xullo. Na xornada do domingo, 5 de xullo, a banda de música do concello de Barbadás, será a segunda agrupación que entrará en competición, facéndoo antes a Koninkijke Harmonie Sinte Cecilia-Zele de Bélxica. Trala actuación do colectivo ourensán, pasarán polo escenario do Palau da Música de Valencia, a Sociedad Unión Musical de Yátova, a Unió Musical Lira Realense de Real de Montroi, a Unió Musical LÉliana, a Sociedad Musical Ruperto Chapi de Villena, a banda de música de Épila e a portuguesa banda marcial de Fermentelos.
Cada colectivo interpretará dúas obras, sendo de carácter obrigado, Centenari, de José Salvador González Moreno. Ademais, a banda de música do concello de Barbadás levará como obra libre a célebre peza de Ferrer Ferrán, A tormenta do deserto(sinf. nº1), que se desenvolverá en tres tempos:
1.-A invasión de Kuwait
2.-Avance das tropas aliadas
3.-A batalla de Basora.
Só me resta desexarlle moita sorte á nosa banda, así como que lle saia unha espléndida actuación. Estou convencido de que así vai ser, pois ilusión e gañas de prepararse para tan importante evento non lles van faltar nin ó director e profesores, nin por suposto ós músicos do colectivo. Estou seguro de que tamén os pais e os directivos imos poñe-lo noso grao de area para que todo saia perfecto. ¡Adiante logo!
