| |
PRESENTACIÓN DO FESTIVAL DE BANDAS DE MÚSICA “HOMENAXE A FELISINDO PÉREZ SEARA”.
noticias
|
|
|
|
PRESENTACIÓN DO FESTIVAL DE BANDAS DE MÚSICA “HOMENAXE A FELISINDO PÉREZ SEARA”.
Queridos directivos de Música e Cultura de Galicia, músicos das bandas de Ribadumia e Barbadás, amigas e amigos asistentes a este concerto, estamos hoxe aquí, nesta ampla, acolledora e fermosa igrexa de San Pío X, para render homenaxe tanto á memoria de Felisindo Pérez Seara, falecido no pasado ano,como á música das bandas populares, que el tanto apreciaba e polas que tanto traballou.
Ó longo da súa traxectoria musical, Felisindo pasou polas bandas da Mezquita, Allariz, Sobrado do Bispo, A Manchica, Bande e Lovios. Foi mestre de varias xeracións de músicos e na súa faceta de compositor deixounos máis de 50 pezas profundando nas máxicas simas das rapsodias, xotas, tangos, muiñeiras e ata dos poemas sinfónicos.
Naceu en terra de músicos, na Mezquita do concello da Merca. Comezou a tocar na banda local ós 14 anos, para ir pasando logo polos diversos colectivos bandísticos da provincia de Ourense, citados anteriormente. Fóra do mundo da música, tamén foi quen de por o seu bo facer e a súa batuta na fundación e xerencia de Ferretería A Mezquita, primeiro, e de Tableiros A Mezquita, máis tarde.
Acompáñannos esta tarde a A Agrupación Músico – Cultural de Ribadumia e a Banda de Música do concello de Barbadás.
A magnífica banda da Agrupación Músico – Cultural de Ribadumia procede desa fermosa comarca do Salnés, nun concello similar a Barbadás en extensión e tamén en importante progresión demográfica.
Situado a 22 km., de Pontevedra, é Ribadumia, tamén como Barbadás, municipio de excelentes e numerosos músicos. Así mesmo, igual que Barbadás, Ribadumia é un pequeno concello con historia acreditada dende a época castrexa, completándose en ambos municipios o seu patrimonio cultural con diversos pazos, cruceiros, canastros e outros monumentos históricos, ademais dun rico transcorrer histórico, anecdótico e lendario.
A Banda de Música do concello de Barbadás pertencente á asociación Música e cultura de Galicia. Dende a súa creación leva actuado en multitude de aldeas, vilas e cidades de Galicia, Asturias, Castela, Valencia, Andalucía e Portugal. Tamén realizou diversas actuacións para a Televisión de Galicia e a Segunda Cadea da Televisión Española. Así mesmo editou en 1997 un CD baixo o título de Cultura 1915-1996 e en 2005, un segundo CD, titulado "Novo Milenio".
Música e Cultura de Galicia quere agradecer expresamente a colaboración que para este festival de homenaxe nos prestaron a Consellería de Cultura e Deporte; a Federación Galega de Bandas de Música Populares e a Deputación Provincial de Ourense. Agradecer fundamentalmente tamén o apoio dos párrocos desta igrexa e moi especialmente a de don Luís, artífice principal de que en San Pío X nos sintamos como na nosa propia casa. Agradecer así mesmo a súa predisposición, presenza e cariño á familia de don Felisindo Pérez. Dicirlle a dona Camila e ó resto de familiares do homenaxeado, que é para nós unha grande honra tributar este recoñecemento á memoria de tan importante mestre e amigo.
Don Felisindo, acompañounos diversas veces no transcurso da súa vida en diferentes eventos sociais do noso colectivo; sempre soubo darnos sabias instruccións para mellorar e sobre todo soubo animarnos a seguir loitando cada día por medrar musicalmente e humanamente como grupo. A lembranza de Felisindo sempre irá connosco cando interpretemos algunha das súas obras ou cando lembremos os agradables momentos vividos con el.
Justo Calviño Cruz. Ourense, 14 de setembro de 2008.
|
|
|
|
|